Skip to main content
Foz

Horizonte 2030 guiará a Foz no desenvolvemento sostible e responsable

Por 6 Xullo, 2022Sin comentarios

O alcalde de Foz, Fran Cajoto, e o concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Axenda 2030, Carlos García, presentan o informe Horizonte 2030 co obxectivo de que o municipio teña un desenvolvemento sostible e responsable.

Carlos García explica que “o goberno do Concello de Foz acaba de cumprir tres anos dende a súa investidura, aló en xuño do ano 2019. A principios do ano 2020, tendo en mente un problema que ten que ver co actual modelo de desenvolvemento e que estamos a sufrir nas nosas sociedades presentamos a moción denominada Iniciativa polo futuro, na cal acordamos a divulgación e promoción da Axenda 2030 como instrumento fáctico para atraer ás xentes cara á concienciación dos problemas globais que nos afectan día a día coa incerteza do actual modelo de desenvolvemento. Dita moción foi aprobada por unanimidade pola corporación municipal, nunha mostra de sensibilidade, responsabilidade e compromiso coas xeracións vindeiras”. 

O concelleiro destaca que “hoxe, logo de dous anos de traballo intenso con doutores universitarios de ramas multidisciplinares, tanto de datística como de ciencias da terra ou economistas, presentamos o informe Horizonte 2030 para Foz.  Un documento no que intentamos plasmar como se aliñan as iniciativas políticas do noso concello coa Axenda 2030, é dicir, co desenvolvemento sostible. Cremos que os froitos son un traballo moi interesante, que pode sentar un precedente a nivel municipal e de alta replicabilidade noutros concellos. Quero recordar que esta iniciativa foi distinguida cun accésit de 6.000 euros polo Laboratorio ODS Nacional da UNED. Basicamente estamos falando dun informe que incardina a administración municipal como base fundamental de acción a prol do desenvolvemento sostible”.

Carlos García especifica que “dentro deste informe irán 5 píldoras audiovisuais, nas que se mostran aos actores políticos do Concello de Foz, dende as súas diversas áreas de concellería, como aliñan as súas accións políticas cos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030”.

O concelleiro responsable da Axenda 2030 en Foz engade: “o que pretendemos con isto é mostrar os problemas que podemos chegar a ter se non adoptamos unhas directrices de desenvolvemento máis responsables coas xeracións vindeiras. O Concello de Foz actualmente ten en mente que cada acción política a realizar dentro do noso municipio ten que ter unha visión de futuro: temos que traballar e deseñar realidades e escenarios a futuro. Para elo seguiremos traballando desde a Concellería de Relacións Institucionais, Comunicación e Axenda 2030”.

“Esperemos en próximas datas poder presentar a ampliación deste traballo, que xa o estamos en marcha, e chegar a ter unha cartografía real, centímetro a centímetro, dos problemas de desenvolvemento que ten o noso concello e dar solucións eficientes, eficaces e garantes de sustentabilidade para traballar da man dos técnicos municipais, das empresas que participen no concello e dos cidadáns e poder crear unhas condicións a futuro máis amables e responsables cos nosos fillos e fillas e cos nosos netos e netas. Traballamos por un Foz mellor, máis responsable e máis próspero. Polo tanto animámosvos a que vos unades á nosa comunidade polo desenvolvemento sostible responsable”, remata Carlos García.