Skip to main content
Axenda CaducadaFoz

Presentan o cartel das festas de Foz

Por 30 Xullo, 2022Agosto 11th, 2022Sin comentarios

A asociación O Noso Foz, que é a organizadora dos festexos da vila, e o Concello de Foz presentan o cartel das festas do San Lourenzo. Este ano unha fotografía nocturna do porto da localidade, sacada por Pablo Cid, da forma ao cartel dunhas festas que encherán de actividade a vila focega os días 8, 9, 10 e 11 de agosto.

As actividades culturais prolongaranse durante todo o mes de agosto, mais os días fortes comezarán o día 8 co pregón de José María Alonso Fraga, coñecido como Piti, ás 21.00 horas no Parque Rosalía de Castro (Campo da Cabana), que terá continuidade ás 22.30 horas co concerto de Owl Light Trio e Xógara, dous grupos de música tradicional, no mesmo emprazamento.

O día 9 comezarán as verbenas, que nesa xornada será amenizada por Los Satélites e Grupo Beatriz. O día grande será o 10, día de San Lourenzo e festivo na localidade, no que haberá misa ás 12 na igrexa parroquial e procesión acompañada do grupo O Feitizo; a sesión vermú estará amenizada por Fénix e pola noite serán Nostalgia, Fénix e Claxxon os que poñerán música á festa. Ás 24.00 horas recupéranse os fogos artificiais, que encherán de cor o ceo de Foz. O día 11 a sesión vermú será a cargo de Platinum e pola noite estará acompañada de La Misión.

Todo isto, sen esquecer que o mercado comezará o día 5 ata o 11. O día 6 ás 12.00 horas haberá inchables gratuítos para os pequenos na avenida Álvaro Cunqueiro, acompañados de música de Mia Disko. E o día 7 o tradicional concerto da Banda de Música de Foz será un encontro de bandas no que estarán acompañados da Banda de Torrox e da Banda de Laviana, ás 19.30 horas no Campo da Cabana.

Ademais o día 11 a partir das 16.00 horas haberá festa acuática en Tupide. Tamén están programadas moitas outras actividades complementarias ou o Festival Vrao, que será os días 13 e 14. A concelleira de Cultura, Inés López, anuncia que “en breve publicarase o cartel coas actividades de todo o mes de agosto, que ten o peche coa Festa Normanda.”

Dende a comisión de festas, Ángel Fernández desexa que “guste esta programación que preparamos para que todo o mundo disfrute”.

O alcalde, Fran Cajoto, quere “felicitar as Festas do San Lourenzo e desexarlles a veciñ@s e visitantes que as desfruten moito”.