Skip to main content
Lourenzá

O equipo de Goberno laurentino sorprendido polas declaracións do PP local en relación ao Camiño

Por 12 Xullo, 2022Sin comentarios

Ao equipo de goberno do Concello de Lourenzá sorpréndelle “que a reacción dos populares locais ás recentes declaracións da presidenta provincial do PP e do alcalde de Mondoñedo sexa un ataque ao goberno de Lourenzá e non unha defensa dos intereses do noso concello ante as intencións da señora Candia e do señor Otero de levar o final de etapa do Camiño do Norte a Mondoñedo. Supoñemos que o farán seguindo ordes da superioridade”.

“Nótase que o novo presidente do PP local non vive nin traballa no termo municipal, será por iso que descoñece todas as iniciativas que se levan a cabo desde o Concello para impulsar o Camiño de Santiago como final de etapa, algo que nos corresponde historicamente; e que teña a seguridade de que mentres goberne este equipo loitaremos, xunto con toda a veciñanza, para que non se leven a cabo as pretensións dos gobernantes mindonienses. Debe saber o novo responsable popular que Lourenzá conta cun albergue público, recentemente reformado, e con tres novos albergues privados. Contamos cunha nova oficina de turismo e temos unha técnica de turismo que, como todo o mundo sabe, atende aos peregrinos case as 24 horas porque ata ten publicado o seu teléfono particular. É de todos coñecido o gran traballo que realiza no impulso do Camiño. Tamén destacamos o traballo feito pola empregadas que atenden o albergue público e que reciben numerosos parabéns dos visitantes. Tamén debe descoñecer o responsable popular que moitas veces se habilita o pavillón polideportivo para albergar a grupos numerosos de peregrinos. A técnica de cultura tamén colabora en ocasións organizando visitas e dando información aos peregrinos que acoden á biblioteca municipal. Desde as Escolas Deportivas tamén colaboran organizando a Milla Lourenzá Fin de Etapa Camiño Norte. Celebramos Xornadas de Historia Local sobre a importancia de Lourenzá no Camiño Norte. Contamos cunha ruta con audioguía sobre a figura de Fernández del Riego a disposición dos visitantes, etcétera”, explican os gobernantes municipais de Lourenzá.

O equipo de goberno laurentino engade: “cremos que, aínda que non viva en Lourenzá, o responsable popular debe saber que a restauración en Lourenzá está exenta do pago de taxas por terrazas, tiveron descontos na taxa de lixo, repartíronse lotes de carne de poldro e de porco celta para a elaboración de tapas, etcétera. Como el ben debe saber a decisión de traballar ou montar un negocio na localidade ou fóra dela é algo que non lle corresponde ao equipo de goberno, son iniciativas do ámbito privado.

Por último, parece que no PP local cambiaron a pluma pero non as formas. Pensamos que é pouco elegante e desleal co funcionamento democrático o publicar as preguntas que se levan ao Pleno antes de que o interpelado teña a posibilidade de contestala. O grupo socialista ten preparada para presentar no próximo Pleno unha moción relativa ao Final de Etapa do Camiño do Norte. Por respecto á Corporación Municipal darémola a coñecer e debaterase no lugar que lle corresponde, agardando que conte co apoio do grupo popular, sempre que primen os intereses da veciñanza laurentina sobre os da presidenta provincial do Partido Popular”.