Skip to main content
Mondoñedo

O BNG de Mondoñedo acusa ao Concello de provocar malestar entre os usuarios do ximnasio

Por 5 Xullo, 2022Sin comentarios

O BNG de Mondoñedo acusa ao goberno popular de provocar malestar e incertidume entre os usuarios do ximnasio municipal.

Para o BNG o goberno popular non é capaz de resolver con axilidade o problema de retraso no remate das obras do ximnasio e pide que se busque en serio unha solución alternativa para que as actividades deportivas se poidan realizar co normalidade mentres as novas instalacións non estean en servizo.

O voceiro do BNG no Concello, Eloi Cabanas, apunta que as obras de acondicionamento de locais como salas polivalentes para uso deportivo tiñan que estar rematadas xa no pasado mes de novembro e aínda que entenden que poden xurdir problemas que motiven o retraso da obra non é admisible acumular tantos meses de demora.

O BNG denuncia que esta situación provocou unha perda moi importante de socios e que xa se deron casos de usuarios que se marcharon para instalacións deportivas de concellos limítrofes.

Eloi Cabanas lamenta que un ximnasio que estaba funcionando con normalidade ofrecendo unha ampla variedade de actividades e que contaba co a redor de 120 socios se atope agora con nada máis que 7 usuarios realizando actividades en precario por varios locais do concello.

“O último exemplo da mala planificación do goberno foi esta semana ao teren que suspenderse as clases de Spining por coincidir no pavillón polideportivo coas actividades do Campus de Baloncesto que se celebra estes días en Mondoñedo”.

Desde o BNG apuntan que no pasado mes de febreiro logo de preguntar en pleno polas causas do retraso de finalización das obras o alcalde respondía que xa se solucionaran os problemas que motivaran o incumprimento das previsións iniciais de remate e posta en funcionamento das novas instalacións e que as obras restantes estaban a punto de iniciarse calculando que en vinte días máis ou menos estaría todo rematado. O BNG volveu a preguntar no pleno da semana pasada polo fallo nas previsións do goberno e desta vez a resposta foi que a obras estaban adxudicadas e que había dous meses de prazo para entregalas.

“Esperemos que este non sexa un episodio máis antes da entrega definitiva das obras xa que agora tamén esta pendente a instalación dun ascensor nas novas instalacións o que pode alongar aínda máis a posta en funcionamento do ximnasio”.

Por todos estos inconvintes o edil nacionalista esixe unha concreción fiable nos prazo de remate das obras para que os socios do ximnasio e máis o adxudicatario do servizo podan planificar as actividades con perspectiva de futuro e sen atrancos.