Skip to main content
Ourol

Vaise demoler un azud no río das Balsadas, en Ourol

Por 14 Xullo, 2022Sin comentarios

Augas de Galicia licitou por 51.000 euros as obras de demolición dun azud no río das Balsadas, a 320 metros augas arriba da súa desembocadura no Landro en Miñotos, no Concello de Ourol. As empresas interesadas na execución destes traballos teñen ata o vindeiro 17 de agosto para presentar as súas ofertas.

A intervención consistirá en retirar unha represa que inicialmente estaba asociada a un muíño fariñeiro agora en desuso e que xa non cumpre a función para a que foi concibida. 

O obxectivo é eliminar o obstáculo que supón o azud para o remonte dos peixes río arriba, o que axudará á recuperación do hábitat fluvial e á restauración hidromorfolóxica neste tramo, ademais de eliminar riscos de inundación.

A recuperación da dinámica natural dos peixes contribuirá á potencial repoboación de colonias de mexilón de río –Margaritifera Margaritifera – augas arribas da represa, xa que na súa etapa larvaria a náiade actúa como hóspede en determinadas especies piscícolas como a troita común ou o salmón atlántico.

Parte da instalación que se retirará atópase derruída e non pode embalsar a auga ata a cota precisa para que o caudal poida circular pola canle de derivación existente permitindo accionar o muíño e dínamo asociados. Ademais, estes elementos están agora en estado de abandono, sen os aparellos precisos para levar a acabo a súa función, pero a represa segue supoñendo un obstáculo para o remonte dos peixes río arriba.

OBRAS

Está prevista a demolición de todo o corpo do azud -duns 15,5 metros de lonxitude – de maneira manual desde a marxe dereita e a extracción dos residuos xerados na demolición para a súa retirada por parte dun xestor autorizado. 

Unha vez finalizados os traballos procederase á reposición da vexetación afectada polo acceso dos vehículos de obra ao lugar de traballo. As actuacións deberán realizarse en época de estiaxe e a duración estimada será de dous meses -unha vez que se formalice o contrato -.