Skip to main content
Ribadeo

O Pleno de Ribadeo tratou sobre os festivos locais e un convenio con Trabada

Por 15 Xullo, 2022Sin comentarios

No pleno ordinario celebrado onte no Concello de Ribadeo deuse conta da renuncia á acta de concelleira de Mariluz Álvarez Lastra, despois de 23 anos de traballo ininterrompidos. Na sesión foron aprobadas bonificacións fiscais en varios impostos para aquelas empresas que decidan instalarse en Ribadeo, foron fixados os festivos locais do 2023 (16 de agosto e 8 de setembro) e foi aprobada unha moción sobre o servizo de saúde mental.

O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “é importante o paso que dá o Concello ao propoñer bonificacións fiscais nos impostos municipais do IBI, do IAE e no ICIO para todas aquelas empresas que se instalen no noso concello ou xa instaladas fagan unha aposta polo emprego á hora de contrataren xente. Durante tres anos terán bonificacións que partirán dun mínimo do 50% chegando a un máximo do 95% en función do número de persoas contratadas. Confiamos que esta proposta non só orientada ao polígono industrial senón a todo o municipio poida seguir atraendo actividades económicas a Ribadeo”. 

O rexedor seguiu a relatar que “no pleno fixáronse tamén os festivos locais para o vindeiro ano que quedarán no día de San Roque, 16 de agosto, e 8 de setembro, o día da Patroa. Tamén fixemos axustes orzamentarios en gastos de inversión que queremos ir desenvolvendo ao longo deste ano e que tratamos de ir adaptándonos ás situacións cambiantes da escalada de prezos nos materiais que todos, incluído os Concellos, tamén estamos a sufrir. E igualmente, aprobamos unha moción sobre o servizo de saúde mental da Mariña que nos presentou a plataforma na defensa da sanidade Pública”. 

Suárez Barcia contou que “tamén no pleno demos conta da renuncia á acta de concelleira que presentou a nosa compañeira Mari Luz Álvarez Lastra, logo de 23 anos ininterrompidos de representar baixo as siglas do BNG á cidadanía deste nobre Concello. A súa marcha, tal e como ela manifesta, faise por motivos estritamente persoais e que non lle permiten xa por máis tempo compatibilizar todos os roles na súa vida”. 

O alcalde ribadense subliñou: “comprendémola, apoiámola, e con tristura a despedimos, pero con recoñecemento e coa nosa total admiración por todo o traballo que ela levou adiante en todo este tempo, na oposición nos primeiros anos e nos gobernos despois até o día de hoxe. Sabemos que todos somos necesarios e que ninguén é imprescindible e que a todos nos tocará máis cedo ou máis tarde, deixar estas representacións públicas. Pero o que non teño dúbida é que a todos e todas nos gustaría facelo como ela o fai: con tranquilidade, con xenerosidade e co compromiso de seguir apoiando a esta xente que aquí seguimos e aos novos que virán. Desexámoslle o mellor nas súas responsabilidades laborais e nos seus compromisos familiares”.