Skip to main content
Ribadeo

O verán ribadense prepara 11 percorridos guiados polo patrimonio natural e cultural

Por 21 Xullo, 2022Sin comentarios

A Concellaría de Turismo organiza 11 percorridos guiados a través do patrimonio natural e cultural durante este verán. Trátase dunha serie de rutas accesibles, para todos os públicos, nas que se mostrarán aspectos moi diversos tanto dende o punto de vista natural como cultural.

Este ano hai unha novidade, xa que se incorpora unha nova visita teatralizada polo legado indiano, coa que daremos a coñecer a historia viva da pegada da emigración a ultramar. Continúan as outras 2 visitas teatralizadas que o ano pasado tiveron tanto éxito: a visita teatralizada polo Ribadeo Ilustrado, da man do grupo de teatro Os Quinquilláns, todos os xoves de xullo e agosto ás 20.30 horas con saída desde diante do Concello. E a visita teatralizada ao Camiño do Encanto. Con esta percorremos algúns dos atractivos máis singulares do interior de Ribadeo: Pazo de Cedofeita, Pegadas do Encanto e Santuario de Nosa Señora das Virtudes con relatos teatralizados que permitirán afondar nos valores e historia do patrimonio interior de Ribadeo.

O desprazamento será en bus e as datas establecidas son os domingos 24 de xullo, 7 e 21 de agosto. Partirase da oficina de turismo de Ribadeo ás 10.30 da mañá e terá unha duración de dúas horas e media. 

Ademais, a través de 4 roteiros guiados e interpretados, poderase gozar do fascinante patrimonio cultural e etnográfico que está presente en cada recuncho da vila e tamén na zona interior do Concello. Así haberá visitas ao Santuario de Nosa Señora das Virtudes, ao Ribadeo Indiano, ao Ribadeo Ilustrado e ao Ribadeo Antigo. 

Cambiando de ámbito e dende o punto de vista natural darase unha ampla visión do importante patrimonio xeolóxico presente ao longo de todo o litoral, que vai dende o conxunto de arcos rochosos máis importantes da península ata a maior estrutura xeolóxica da mariña lucense. Así, organizaranse 4 Xeorutas: a dos Arcos, a da Ría, a dos Pregues e dos Ollos. 

Todas as visitas serán de balde, pero as prazas son limitadas. Para formalizar a reserva as persoas interesadas deben entrar na sección Momentos da páxina web: turismo.ribadeo.gal ou chamar ao teléfono da Oficina de Turismo de Ribadeo 982 128 689.