Skip to main content
Ribadeo

Entregados os diplomas aos participantes no obradoiro de Ribadeo prepara o teu Camiño

Por 28 Xullo, 2022Sin comentarios

O salón de plenos do Concello acolleu a entrega de diplomas aos participantes no obradoiro dual de emprego Ribadeo prepara o teu Camiño, que se desenvolveu entre o 15 de outubro de 2021 e o 14 de xullo deste 2022. 

O alumnado tivo acceso a un contrato de traballo durante os nove meses de duración da actividade, que incluíu formación teórica e práctica de calidade da man de expertos. “Os obradoiros teñen en conta a realidade social e económica das zonas nas que se desenvolven e se adaptan á demanda das empresas da contorna”, salientou Arias. “Ao mesmo tempo”, dixo, “realizan obras e servizos moi importantes a nivel local”.

No caso de Ribadeo, o proxecto centrouse na promoción e desenvolvemento turístico do Camiño Norte con accións como o impulso  de produtos audiovisuais multimedia coa marca Ribadeo alén do Camiño; o deseño da aplicación para móbiles Ribadeo prepara o teu Camiño, concibida para os peregrinos; a elaboración de sinaléctica dixital para mellorar a información aos visitantes e outras accións de difusión a través da internet.