Skip to main content
RiotortoRiotorto AMARIÑAXA

A veciñanza de Órrea estuda a recuperación dos montes conveniados

Por 20 Xullo, 2022Sin comentarios

Tal e como convocara e anunciara, a Asociación de veciños de Santa Comba da Órrea celebrou unha reunión sobre a situación dos montes conveniados. Óscar Fernández, da empresa Xelda eido rural, fixo a introdución, para informar de que na parroquia, e na comarca en xeral, dáse un caso moi especial. Son montes privados cedidos no seu momento á Administración. No resto da provincia, case todos os montes que se atopan neste caso son montes en man común. Esta circunstancia fai máis difícil aínda a situación.

No concello de Riotorto só existen montes conveniados nesta parroquia. Son sete montes en concreto, aínda que un deles pasou a formar parte da Sofor Monte de Candedo. Este é outro problema engadido máis, porque non é unha situación que se dea do outro lado da Serra de Pereiraboa e do Pousadoiro.

Segundo explicaron a situación xeral dos montes que están cedidos á Administración é de abandono “sen que, realmente, se poida dicir que van ser devoltos ás súas persoas propietarias nun momento dado”.

Unha opción é intentar facer todas as xestións posibles para que cadaquén recupere as súas leiras, pero outra é pensar en seguir explotando cada un destes montes en común, sempre en todo caso, á marxe da Administración, que non ten interese en seguilos traballando.

“A solución vese moi lonxe aínda, pero necesitamos a implicación de todas as persoas propietarias e de todas as institucións que teñan algo para dicir sobre o asunto. Cada día que pasa estanse perdendo moitos cartos nestes montes”, dixeron.