Skip to main content
Trabada

O PSOE de Trabada demandará á Xunta axudas para as explotacións cárnicas

Por 24 Xullo, 2022Sin comentarios

O pleno do Concello de Trabada debatirá o próximo mércores unha moción para instar á Xunta a “implementar con axilidade unha liña de axudas directas aos subsectores gandeiros de carne, habilitando unha partida con cargo aos Orzamentos autonómicos, por unha contía equivalente á que as explotacións galegas van percibir en concepto de axuda excepcional regulada polo Real Decreto 428/2022”.

No texto da moción, impulsada polo Grupo Municipal Socialista de Trabada, lémbrase que “as explotacións de produción de carne en Galicia, concretamente de vacún, ovino, cabrún, avícola e cunícola, están a atravesar unha situación límite que require de apoio público para garantir a súa continuidade”.

“Estes subsectores viñan sufrindo os efectos dunha crise estrutural dende hai moito tempo que foi agravada pola pandemia, o incremento dos custos de produción a causa do aumento dos prezos das materias primas para alimentación animal, e dos prezos da enerxía e dos combustibles iniciado o pasado ano e que se intensificou co conflito na Ucraína”, engade a moción. 

A isto hai que engadir a dificultade que teñen os gandeiros para trasladar os incrementos dos custes de produción ao prezo que perciben, ademais de ter en  conta que estas explotacións están localizadas onde non existen alternativas á produción gandeira, principalmente en zonas de montaña e do interior, e que son fundamentais para o mantemento do tecido económico, social, territorial e medioambiental das súas comarcas.

Neste sentido, a Comisión Europea dispuxo 500 millóns de euros da reserva da crise dos cales 64,5 corresponden a España. Acolléndose á posibilidade establecida no Regulamento Europeo, o Goberno de España aprobou conceder axudas suplementarias ata o máximo permitido do 200% da axuda comunitaria, para o cal se destinaron case 129 millóns de euros con cargo aos Orzamentos Xerais do Estado, mobilizándose así unha dotación total de case 193,5 millóns de euros. 

Tendo en conta os sectores agrarios auxiliados e o peso deles en cada comunidade, a Galicia fóronlle asignados un total 11,8 millóns de euros. O procedemento de concesión das axudas estatais por parte do Ministerio de Agricultura está en marcha, e suporá pagos de 60 €/vaca nutriz, 12€/becerro, 5 €/ovella e cabra e cantidades variables en función da capacidade das granxas de polos e coellos.

“Lamentablemente, a Xunta de Galicia, a pesares do compromiso do ex-presidente Alberto Núñez Feijóo do pasado mes de marzo e das declaracións do conselleiro do Medio Rural recoñecendo a gravidade da situación, aínda non publicou ningunha medida de apoio aos sectores gandeiros de produción de carne, como si fixeron xa outras comunidades autónomas”, remata a moción.