Skip to main content
O Vicedo

Este venres comeza a V edición da Romaxe Viquinga do Vicedo

Por 28 Xullo, 2022Sin comentarios

Este venres comeza a V edición da Romaxe Viquinga do Vicedo, un evento que xa ten o seu oco na programación turística da Mariña no verán. Será os días 29 e 30 de xullo na praia de San Román e o cartel anunciador é obra do ilustrador Cristian F. Caruncho.

Entre as novidades da programación haberá uns títeres viquingos a cargo de Marionetas Trécola e trátase da Saga de Flinn Havard. Ademais do desembarco, desfiles, música folk, espectáculos de lume, xustas, boda vikinga, etc.

A romaxe comezará o sábado 30 de xullo a partir das 10.30 horas coa apertura dos campamentos, e inclúe a recreación do desembarco viquingo e da batalla, así como actuacións musicais, entre outras actividades. O venres 29 pronunciará o pregón a xornalista Marta Darriba e a continuación haberá pasarrúas no casco urbano.

Dende a organización animan a participar neste evento no que a través dunha conmemoración histórica permite aos asistentes coñecer un dos recunchos máis fermosos do norte da provincia.

A Deputación colabora con esta “festa xa emblemática e de referencia no calendario festivo da comarca da Mariña e de toda a provincia de Lugo” a través do Plan Único, que inclúe para este evento un importe de 27.211€. O Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, enmarcou este apoio “dentro da nosa clara liña de cooperación cos concellos e co tecido asociativo para dinamizar a vida social e económica da provincia, e para consolidar o modelo de turismo que defendemos. Un turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor o noso patrimonio, e que crea riqueza e emprego, sobre todo no noso rural”.