Skip to main content
Viveiro

Viveiro convoca sete prazas para a prevención e defensa de incendios

Por 13 Xullo, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro informa que no Boletín Oficial da Provincia de Lugo se publicaron os anuncios de dúas convocatorias para a selección de persoal laboral temporal mediante a modalidade de contrato laboral de duración determinada.

Estas dúas convocatorias están vinculadas a programas financiados con fondos europeos-Disposición Adicional quinta do Real Decreto-Lei 32/2021 (Modelo 406), ao amparo do convenio de colaboración subscrito entre a consellería do Medio Rural e o Concello de Viveiro para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais.

A primeira destas convocatorias destínase á contratación de 3 condutores/as de motobomba. A segunda convocatoria é para a contratación de 1 xefe/a de brigada, 1 peón condutor/a e 3 peóns.

En ambos casos, a duración do contrato é de 3 meses e o proceso selectivo realizarase mediante o sistema de concurso de méritos, de carácter aberto. O prazo para a presentación das solicitudes será de cinco días hábiles contados dende o día seguinte ao da publicación da convocatoria no BOP, rematando, polo tanto, o mércores 20 de xullo (incluído).

As bases xerais e específicas de ambos procesos están publicadas na páxina web do Concello de Viveiro (www.viveiro.es) e no taboleiro de anuncios dixital.