Skip to main content
Viveiro

Sinalizada a Viveiro Bike Xtreme con tramos de distintos niveis de dificultade

Por 18 Xullo, 2022Sin comentarios

A Peña Ciclista Lar de Viveiro sinalizou o trazado da Viveiro Bike Xtreme coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. A área de Deportes financiou a instalación de paneis informativos e marcas de continuidade no percorrido desta proba de montaña que o club ciclista ven organizando anualmente e que transcorre por algúns dos puntos máis elevados do municipio como o Alto da Silvarosa, Monte Castelo ou Penedo do Galo.

Ademais da sinalización do itinerario completo, de 60 quilómetros e 2.500 metros de desnivel positivo, creáronse indicativos para delimitar tres rutas con distintos niveis de dificultade, ofrecendo varias alternativas para desfrutar deste entorno. 

Así, creouse unha ruta de 15 quilómetros e 713 metros de desnivel positivo no tramo da Silvarosa, outra de 17 quilómetros e 793 metros de desnivel positivo no tramo de Monte Castelo, e outra de 27 quilómetros e 943 metros de desnivel positivo no tramo de Penedo do Galo. Os trazados están dispoñibles en webs e aplicacións de rutas ao aire libre xeoreferenciadas como Wikiloc, que conta con máis de 7 millóns de usuarios.

A sinalización permanente destas rutas pretende situar Viveiro como un punto de referencia para afeccionados e afeccionadas ao ciclismo de montaña durante todo o ano,  e contribúe tamén a potenciar e facilitar a práctica de actividades de ocio e saudables ao aire libre.

O deputado de Deportes Efrén Castro subliñou o interese “desta actuación proposta pola Peña Ciclista Lar para poñer en valor as condicións naturais que ofrece Viveiro para o ciclismo e aproveitar en beneficio do municipio a auxe que están experimentando os deportes na natureza” e valorou “este tipo de iniciativas como unha mostra da importancia que as asociacións e os clubs deportivos, cos que desde a Vicepresidencia da Deputación mantemos distintas liñas de colaboración, teñen na dinamización social e económica dos municipios e comarcas”.

NOVA EDICIÓN

Peña Ciclista Lar de Viveiro organizou este sábado unha quedada para estrear esta nova sinalización na que participaron unha trintena de afeccionados e afeccionadas e na que se confirmou o 16 de outubro como data de celebración da vindeira edición da Viveiro Bike Xtreme