Skip to main content
Viveiro

A oficina de turismo de Viveiro conta cunha pantalla de grandes dimensións para a promoción

Por 24 Xullo, 2022Sin comentarios

O Concello de Viveiro da un paso máis na promoción turística do municipio coa instalación dunha pantalla de grandes dimensións na oficina de turismo, co obxectivo de dar información sobre os seus atractivos e os eventos máis importantes do ano.

“As cifras de visitantes neste verán e o seu lugar de procedencia reflicten que o traballo de promoción dos últimos anos deu os seus froitos”, asegura a alcaldesa, María Loureiro, que destaca o labor da concellería de Turismo.

Marisol Rey, responsable da concellería, apunta que “efectivamente o interese dos turoperadores vai en aumento e esta pantalla é un elemento máis para mellorar a información das persoas que se achegan á oficina de turismo”.

Trátase dunha pantalla de máxima calidade e alta luminosidade, que mide dous metros de alto e dous metros de ancho e ten 328.000 píxeles. Estas características permiten que a pantalla poida verse perfectamente tanto dende dentro como dende fóra da oficina que, ao tratarse dunha edificación totalmente acristada esixe unha pantalla de estas características, propias do exterior, para poder verse igualmente nun lugar de moita luz natural.

Coa instalación desta pantalla preténdese promocionar Viveiro e os seus recursos turísticos mediante a proxección de todos os contidos do programa ‘Descubre Viveiro’, así como de vídeos promocionais dos distintos eventos que se celebran en Viveiro ao longo de todo o ano.

Estas proxeccións serven para transmitir a esencia de cada paisaxe, monumento, festividade, etc. dunha maneira moito máis real e directa. Non é o mesmo ver unha fotografía que ver un vídeo, no que o visitante pode descubrir mellor a esencia de cada un destes recursos; ben sexa un lugar ou unha celebración, os vídeos resultan máis impactantes e permiten dar a coñecer, moito mellor, todo o que Viveiro ofrece.

Pola súa ubicación e pola posibilidade de verse dende o interior e do exterior da oficina de turismo, este é o lugar idóneo para a colocación desta pantalla promocional que, a pesar de poucos días transcorridos dende a súa instalación, esta a causar unha repercusión inmediata.