Skip to main content

Por Fernanda Arrojo

Nestes últimos meses dediquei as miñas colaboracións neste xornal a recomendar Lugo por diferentes motivos.

A partir de agora quero dedicalas a falar con persoas que, veciñas desta cidade, coñezo e que considero, na miña modesta opinión, que se lles deben dar voz polo que fan e polo que pensan, sempre estiveron e están moi vinculadas a Lugo e ás súas xentes.

Un exemplo disto o representa José Ricardo Núñez Liñares, fisioterapeuta da entidade ASPACE-LUGO.

Orixinario de Cuba onde estudiou Farmacia e Fisioterapia e que, fai dúas décadas, trasladou a súa residencia a España, concretamente a Lugo. Durante este tempo completou a súa formación, obtendo os seguintes títulos: Osteopatia, Neuroloxía pediátrica, Kinesioloxia aplicada, Imaxen biomedica para fisioterapeutas e Fisioterapia manipulación articular.

É nesta cidade onde exerce a súa profesión de fisioterapeuta dende a súaPchegada.  Primeiro nunha clínica de rehabilitación e, na actualidade, compaxina a actividade privada co seu traballo en Aspace-Lugo, asociación de persoas con Parálise Cerebral e enfermidades afíns.

Como atopaches a fisioterapia en Lugo, cando chegaches?: Ben, aínda que en certa medida diferente ao que estaba afeito no meu país. En Cuba traballaba só con nenos e nenas con Parálise Cerebral, aquí tiven que ampliar o campo e traballar con todas as especialidades, polo que me decidín ampliar os meus coñecementos.

E hoxe?: Hoxe os profesionais posúen un alto nivel de especialización.

O importante é traballar coa persoa, non só centrarse na lesión.  Coñecer ao paciente e a súa contorna é fundamental e, deste xeito se está a traballar en Aspace Lugo.

Canto tempo levas traballando nesta entidade?: Empecei colaborando fai  dezaseis anos, medrando as miñas intervencións co paso do tempo.

Que destacarías do teu labor na entidade?: Tes que ter en conta que é un traballo continuo e prolongado no tempo.  Un proceso longo que, en ocasións, non dá resultados a curto prazo.

Debemos buscar, sobre todo, o benestar da persoa. Aceptar unha discapacidade custa e afecta, en maior ou menor grao, a todo o núcleo familiar. Por iso, é moi importante traballar coas familias e, ademais do servizo de atención familiar que presta a traballadora social e a psicóloga da entidade, durante a fisioterapia, no caso das sesións coa infancia, convido aos pais e ás nais  a quedarse para que se impliquen, persoalmente, na rehabilitación dos seu fillo ou filla.

Traballar as capacidades individuais, establecer pequenas metas, sendo realistas e valorando o esforzo, son factores fundamentais para o desenrolo da persoa.