Skip to main content
Lugo

Lugo ganará espazo para os peóns en Camiño Real coa Ronda da Muralla

Por 6 Xullo, 2022Xullo 13th, 2022Sin comentarios

O tenente alcalde e responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, presentaron o proxecto de humanización do treito final da rúa Camiño Real, comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla. “Trátase dunha proposta que levamos no noso programa no ano 2019, e que agora poñemos en marcha, avanzando na recuperación de espazos peonís na contorna da Muralla”, explicou o Tenente Alcalde, que afirmou que “este treito converterase na rúa Bispo Aguirre da zona norte da Muralla, e facilitará avanzar en futuras peonalizacións na contorna da Muralla, ao retirar vehículos desta zona”.

A nova zona peonil, que suprimirá o tránsito xeral de vehículos, mantendo o acceso ao tráfico rodado para as e os residentes, terá un mellor acondicionamento ambiental, ao instalarse novas verdes con árbores e arbustos no novo treito. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes.

O tráfico procedente da rúa Camiño Real desviarase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas.

A Xunta de Goberno aprobou hoxe a apertura do procedemento de licitación desta humanización, que sairá a licitación cun orzamento de 338.172€ e un prazo de execución de 6 meses.