Skip to main content
Lugo

Arroxo critica que a Xunta deixe fóra a Lugo na reclamación de melloras ferroviarias

Por 4 Xullo, 2022Xullo 7th, 2022Sin comentarios

O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, reaccionou ante as declaracións realizadas polo presidente da Xunta sobre as conexións ferroviarias de Galicia. Rubén Arroxo criticou que desde o Goberno Galego se reclamen melloras ferroviarias para a Coruña, Pontevedra, Compostela e Vigo e deixen a Lugo fóra das reclamacións.

“Lugo é a cidade peor conectada por tren de Galicia”, afirmou Rubén Arroxo, que explicou que “os Gobernos de Galiza e do estado non mostra interés en mellorar as conexións ferroviarias de Lugo”. O portavoz do BNG afirmou que “seguiremos adiante coa campaña Lugo Quere Tren, reclamando un tren digno para Lugo, dado que o resto de administracións non queren lembrarse de que Lugo existe e que as veciñas e veciños precisamos un tren digno”.

O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Rubén Arroxo lembrou que “a chegada do AVE a Ourense só supuxo que ir en tren de Lugo a Madrid sexa máis rápido que ir de Lugo a Compostela”.

Entre as reclamacións do BNG para Lugo Contémplase a posta en marcha da variante de Parga sen dividir a vila, a conexión coa zona norte da provincia, e a creación dun novo treito entre Curtis e Ordes que permita a conexión directa por ferrocarril entre Lugo e Compostela. “Lugo é a única cidade de Galiza que non ten conexión directa por tren coa capital do país, un agravio que se resolvería cunha obra de 27 quilómetros”, destacou o portavoz do BNG.