Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Os hospitais galegos chaman á doazón nos meses de verán

Por 2 Xullo, 2022Sin comentarios

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), realiza un chamamento xeneralizado á participación da poboación galega na doazón de sangue e, de maneira especial, aos doantes A Positivo, A negativo e 0 Positivo. As reservas destes tres grupos sanguíneos presentan niveis baixos, polo que é preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón que realiza a Consellería de Sanidade por mediación de ADOS. Polo que cómpre  lembrar que os centros sanitarios de Galicia necesitan entre 400 e 500 diarias para desenvolver de maneira eficaz as súas tarefas sanitarias.

En moitos dos labores asistenciais que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos. En determinadas épocas do ano pode baixar o número de doazóns, como sucede durante a época estival, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que precisan os centros sanitarios. Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue durante os meses de verán.

As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días diferentes concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.

ADOS espera contar de novo coa solidariedade da cidadanía galega nos desprazamentos das unidades móbiles e lembran que se pode doar todos os días no Hula en horario de luns e venres das 15.00 ás 22.00 horas e martes, mércores e xoves das 8.00 ás 15.00 horas.

Doar é moi sinxelo e seguro

Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar vidas. Ademais, sinalar que sempre están presentes as máis rigorosas medidas de seguridade.

Para máis información, ADOS dispón do sitio web: ados.sergas.gal, as redes sociais, e o teléfono gratuíto de información 900 100 828, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles.