Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PP denuncia discriminación política co programa Saborea a túa provincia

Por 6 Xullo, 2022Sin comentarios

Castiñeira: “Tomé unha vez máis aplica a cartilla de racionamento aos alcaldes do PP e practica a gastropolítica de fartarse el e os seus amigos cos cartos de todos”.

“O presidente da Deputación, José Tomé, xa ten demostrado que a súa política discrimina aos concellos gobernados polo PP. Ocorre en materia de infraestruturas, de polígonos industriais, de convenios. E tamén é así na gastropolítica de Tomé, como se pode comprobar co discriminatorio Saborea a túa Provincia”. O portavoz popular, Javier Castiñeira, fai esta afirmación ao mesmo tempo que sinala que: “Unha vez máis o señor Tomé aplica a cartilla de racionamento aos alcaldes do Partido Popular da provincia. Neste caso, o que queremos denunciar dende o grupo provincial do PP é o programa Saborea a túa Provincia e a discriminación que se fai por cores políticas, algo que non nos sorprende porque se vén facendo dende que o bipartito goberna na Deputación de Lugo”.

Castiñeira di: “A Deputación, para o Saborea a Provincia, contrata un autobús que pagamos todos e percorre as localidades  da provincia promocionando os produtos de Lugo. Nestes dous anos de vixencia, tanto o ano pasado como este, só vai visitar dous concellos gobernados polo PP, a pesar de que o PP goberna no 50% da provincia. Pola contra, os alcaldes do PSOE son os máis afortunados, son os que máis saborean a Deputación de Lugo, dado que,  dos 18 concellos que se visitarán, 15 están gobernados polo PSOE. É dicir, o señor Tomé invita a roldas aos seus amigos e pagamos todos. É unha forma de facer gastropolítica moi propia dos socialistas, que veñen aplicando o mesmo método durante estes  anos de goberno do bipartito”.

Os populares din que o Saborea a Túa Provincia é só un caso máis, porque “así está a facer con todo: en vez de repartir proporcionalmente, o que fai, primeiro e fartarse el, despois darlle aos seus amigos e despois se sobra algo, para o resto, pero o resto somos practicamente a metade da provincia”.

Castiñeira declara: “O Saborea a túa provincia é só un pequeno exemplo do que nos ten acostumados o señor Tomé: unha política absolutamente clientelar e sectaria na que  se non es nacionalista ou socialista non tes dereito a mesma ración. Dende o PP queremos denunciar novamente unha forma sectaria de facer política, o reparto inxusto do que son os recursos da Deputación e o incumprimento do mandato do que debe ser unha Deputación, que debe servir para repartir os recursos e cooperar cos concellos de forma proporcional, especialmente mirando para os pequenos, algo que neste caso, unha vez máis, o goberno socialista non fai”.