Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca TERRACHÁXA

Dez concellos da provincia quedan sen servizo estatal de buses, di o PP

Por 11 Xullo, 2022Sin comentarios

O novo voceiro de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Popular, o deputado lucense, José Manuel Balseiro, defenderá unha iniciativa no Pleno do Parlamento de Galicia da vindeira semana, na que rexeita o deseño do novo mapa estatal de buses elaborado polo Ministerio de Transportes.

Balseiro pide que o Goberno central rectifique e non deixe sen parada a 23 concellos galegos -entre eles dez da provincia de Lugo- e a elaboración dun novo mapa estatal de autobuses que sexa máis sensible coas necesidades de Galicia, de xeito especial, no ámbito rural.

“Non podemos aceptar que cando máis caros están os combustibles e cando máis necesitan os cidadáns facer uso do transporte público, o Goberno de España pretenda desmantelalo”-explicou.

Os populares piden ao Ministerio que cambie os criterios empregados no deseño das liñas de bus de competencia estatal, aplicando outros como o da dispersión territorial e poboacional, promovendo  a prestación de servizos de transporte  interautonómicos de calidade, que garantan, cando menos, a continuidade dos tráficos e as paradas nos 23 concellos que, conforme ao plan actual, quedarían sen servizo.

A provincia de Lugo, a principal prexudicada

O proxecto do Ministerio prevé suprimir paradas en dez concellos da provincia de Lugo: Chantada, Guitiriz, Monterroso, O Corgo, Palas de Rei, Quiroga, Baralla, A Pontenova, Meira e As Nogais. Tamén noutros municipios galegos como os  de Lalín, O Porriño, Tui, Silleda, Melide, Allariz, Arzúa, Ribadavia, A Rúa, Forcarei, Riós, Trasmirás e A Mezquita.

Eco da revolta municipal

Balseiro busca así un acordo unánime da Cámara galega a imaxe e semellanza da fronte común que teñen adoptado os alcaldes da maioría dos concellos afectados por este recorte. Días atrás, os rexedores sumaban forzas coa Xunta para pedir ao Ministerio de Transportes a retirada do plan, cuxa aplicación está prevista para 2024

“Isto vai máis aló de ideoloxías ou partidos. Todos estamos chamados a defender a mobilidade en Galicia e impedir que a nosa comunidade quede desconectada con resto das autonomías de España, porque desde Moncloa priman outros criterios -económicos sobre todo- fronte ao que debe ser un servizo público. Ademais o Goberno de España non recuperou aínda os servizos de tren e autobús anulados coa pandemia. É un suma e segue. Temos que se claros no rexeitamento deste plan”-indicou o deputado.