Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

O PSOE da provincia reclama á Xunta que segue sen aportar para paliar o impacto da guerra

Por 9 Xullo, 2022Sin comentarios

“Mentres o Ministro de Agricultura veu a Lugo para ratificar a concesión de 440M€ en axudas extraordinarias e mesmo incrementar as destinadas á pesca, o Conselleiro de Medio Rural dedícase a pasear pola provincia para, di, analizar o sector, pero sen anunciar ningunha medida de apoio”, subliña o Secretario Xeral do PSdeG provincial.

O Secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, reclama de novo á Xunta que se sume á liña de actuación adoptada pola Unión Europea e o Goberno de España e habilite unha liña de axudas extraordinarias con fondos propios para axudar ó sector agrogandeiro a afrontar a situación xerada pola guerra de Ucraína, porque a realidade é que, a día de hoxe, o Executivo galego non aportou nin un só euro para esta finalidade.

“Mentres o Ministro de Agricultura veu esta semana á provincia de Lugo para ratificar a concesión de 440M€ en axudas extraordinarias e mesmo incrementar as destinadas á pesca, o Conselleiro de Medio Rural dedícase a pasear pola provincia para, di,  analizar o sector”, subliña o líder dos socialistas na provincia. “Non fan falta máis análises, o que necesitan os gandeiros e a xente do mar é que o PP na Xunta siga o exemplo do Goberno do Estado e conceda axudas extraordinarias canto antes”, recalcou.

O Secretario Xeral do PSdeG considera que “a parálise e a inacción da Xunta prexudican ó sector nun momento moi complexo, e resultan incomprensibles cando o Executivo galego presumiu no seu momento de contar cuns orzamentos de récord”. Neste sentido, José Tomé pregúntase “de que serven os 11.600M€ de orzamento da Xunta, ou os 611M€ da Consellería de Medio Rural, se o PP non é capaz de empregalos para axudar ó sector gandeiro?”

Sen vontade política

Os socialistas lucenses ven decepcionante a actitude do Conselleiro de Medio Rural que nas dúas últimas semanas visitou a provincia de Lugo, pero non anunciou ningunha medida de apoio ó sector. “Dixo que viña analizar os problemas do sector. Os problemas están analizados dabondo: a suba das forraxes, do carburante, da electricidade… O que faltan non é análise, senón vontade política para actuar e capacidade de xestión”, dixo José Tomé.

Neste sentido, incidiu en que os sindicatos agrarios levan meses reclamándolle á Xunta axudas para evitar, por exemplo, que os gandeiros vendan a carne a perdas, dado que os custos de producións superan o prezo ó que venden o produto. “Reclámano os sindicatos, a mediados de maio aprobouse unha resolución pedindo axudas no Parlamento e tamén na Deputación sacamos adiante unha propostas neste sentido. “Qué máis ten que pasar para que a Xunta habilite as súas axudas?”

A total inacción da Xunta contrasta coas medidas adoptadas pola Unión Europea e o Goberno central. Dende o inicio da guerra de Ucraína, a UE puxo en marcha axudas extraordinarias para o sector primario. Desa partida global, España percibiu 65M€. Esa cantidade foi incrementada polo Goberno central, que engadiu a eses 65M iniciais outros 128 – a cantidade máxima que permite a UE – e tamén habilitou unha partida de 169M€ dirixida ós produtores de leite. Precisamente a finais de maio, o sector leiteiro galego percibiu 55M€ desas axudas, con 25 deles destinados a produtores da provincia de Lugo. A xuízo do secretario xeral dos socialistas lucenses, “resulta insólito que os gandeiros lucenses perciban fondos de Bruxelas e de Madrid e que a Xunta siga, case cinco meses despois do inicio da guerra, sen achegar nin un euro de fondos propios. Non sabemos qué axudas vai poñer en marcha, con que criterio ou en que cantidade“.

O PP non se interesa pola provincia

O líder dos socialistas na provincia subliñou que, “por desgracia, o absentismo da Xunta non é unha novidade na provincia” e lembrou a falta dun plan industrial, a carencia de residencias públicas para maiores, a situación da sanidade ou da educación no rural, como exemplos “dun goberno autonómico paralizado, cun presidente que non exerce as súas competencias, que non ten un proxecto para Lugo e para o rural, e que carece de sensibilidade ou capacidade para reaccionar ante unha crise de dimensións internacionais”.