Skip to main content
Agro TERRACHÁXAComarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

A Xunta abre o prazo para solicitar os préstamos ás explotacións de gando bovino

Por 11 Xullo, 2022Sin comentarios

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde da Consellería do Medio Rural pola que se regula o procedemento de recoñecemento do dereito a préstamos de financiamento de capital circulante a explotacións de gando bovino, con subsidiación dos tipos de xuro por parte da Consellería do Medio Rural. Garantidos polo instrumento financeiro de xestión centralizada no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020, cofinanciado polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), estes préstamos contarán cun apoio por parte do Goberno galego de 5 millóns de euros, para chegar ata os 25 millóns en empréstitos concedidos, cun máximo de 30.000 euros por explotación.

Cómpre lembrar que se trata dunha das medidas anunciadas para paliar as consecuencias da alza de prezos derivada da invasión rusa de Ucraína. Nesa liña, o prioritario para a Xunta é facer posible que os produtores bovinos dispoñan de capital circulante suficiente para manter a viabilidade das súas explotacións, tendo en conta que á situación derivada da covid-19 se lle sumou a alza dos prezos das materias primas.

Así, os préstamos destinaranse ao financiamento de activo corrente, como o pagamento de nóminas dos traballadores, tributos, Seguridade Social, alugamentos, leasing, provedores, acredores por prestación de servizos, reparacións ou cotas de débedas bancarias a longo prazo no momento do seu vencemento. A Consellería do Medio Rural aportará para garantías dos préstamos e subsidiará os tipos de xuros, cun límite máximo de dous puntos porcentuais, e sen que en ningún caso o tipo de xuro resultante do préstamo poida ser menor do 0%. Os xuros serán de tipo variable con revisión anual.

Esta axuda de subsidiación dos tipos de xuro vai ligada a empréstitos a tres anos sen carencia, que poderán acadar un máximo de 1.000 euros por vaca adulta maior de 24 meses para explotacións de vacún de leite e de 300 euros por cabeza para explotacións de vacún de carne, ata un máximo de 30.000 euros por explotación. 

Enlace á orde no DOG:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220707/AnuncioG0426-270622-0002_gl.html