Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

Comeza unha nova edición do programa Saborea a túa provincia

Por 29 Xullo, 2022Sin comentarios

Os concellos de Pantón, Chantada, Taboada, Trabada, O Valadouro, Vilalba, A Fonsagrada, Navia de Suarna e Pol acollerán as fins de semana dende o vindeiro sábado ata o 2 de setembro estas xornadas gastronómicas e de lecer gratuítas que impulsa a Deputación de Lugo.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves a posta en marcha da segunda edición do programa provincial Saborea a túa provincia, que percorrerá nove concellos da provincia durante as fins de semana ata o 2 de setembro. Pantón acollerá este sábado, 30 de xullo, a primeira parada destas xornadas gastronómicas e de lecer que promove a institución, unha cita gratuíta que tamén pasará polos concellos de Chantada, este domingo 31 de xullo, e Taboada, Trabada, O Valadouro, Vilalba, A Fonsagrada e Navia de Suarna ao longo do mes de agosto. Será o concello de Pol o que peche o programa o venres 2 de setembro.

Os xardíns do Pazo de San Marcos acolleron esta presentación, na que tamén estiveron presentes os alcaldes e alcaldesas dalgúns dos concellos participantes. José Tomé lembrou que co Saborea a túa provincia, a Deputación busca “incentivar o consumo dos produtos de proximidade e dinamizar a economía dos concellos fomentando a actividade do turismo, da hostalería, do comercio e dos pequenos produtores”.

Segundo explicou o Presidente este programa “forma parte da ampla estratexia que estamos desenvolvendo dende a Deputación de Lugo para consolidar un modelo de turismo de calidade e sostible, un turismo de experiencias, con capacidade para atraer visitantes todo o ano, que pon en valor o noso patrimonio, tanto natural, como, monumental, cultural ou gastronómico, e que contribúe a crear riqueza e a crear emprego, sobre todo no noso rural.”

“O éxito da primeira temporada do Saborea a túa Provincia levounos a reeditalo este ano, pero con novidades para tratar de melloralo e, desta forma, aumentar o retorno económico para os negocios da zona. Para isto introducimos melloras na estrutura e no funcionamento das xornadas e tamén melloramos as localizacións, xa que este ano celebrarase en lugares que contan cunha importante actividade social, hostaleira e comercial”, sinalou Tomé Roca.

Outra das novidades é o cambio no formato, condensando as actividades nas franxas horarias nas que hai máis movemento social e económico teñen as vilas, en horario de mañá, de 12.30 a 15:00 horas, ou de tarde, entre as 19.30 e as 22.00h, dependendo do concello. Tomé Roca explicou que “con esta serie de melloras, e tendo en conta ademais que este ano, afortunadamente, non hai restricións sanitarias nin de aforo, conseguimos un programa máis atractivo, máis dinámico e con máis repercusión nos negocios da zona“.

Un programa con catro espazos diferenciados

Cada unha das xornadas do Saborea a túa provincia terá catro espazos diferenciados:

  • Un autobús-cociña onde profesionais da asociación provincial de cociñeiros e cociñeiras de Lugo elaborarán receitas con produtos típicos de cada zona.  Utilizarán alimentos con distinción da súa calidade polo selo Denominación de Orixe ou Indicación Xeográfica Protexida, como a Faba de Lourenzá, a Pataca Galega, o Pemento de Mougán, o Lacón, a Tarta de Santiago, o Mel de Galicia ou o queixo San Simón da Costa; e tamén empregarán nas súas elaboracións razas autóctonas como o Porco Celta, a Galiña de Mos ou o Vacún Galego. Estas demostracións culinarias poderán seguirse nunha pantalla xigante e poderán participar un máximo de 50 persoas.
  • Degustación de pratos elaborados con produtos de proximidade. Nesta actividade poderán participar ata 100 persoas.
  • Haberá un taller de cociña para nenos e nenas nas que elaborarán un prato con produtos da provincia.
  • Outro espazo estará dedicado a concertos.

Ademais, ao longo da xornada levaranse a cabo sorteos de produtos gastronómicos da provincia.

9 xornadas para degustar a provincia

O programa Saborea a túa provincia terá lugar en horario de mañá -de 12.30 a 15.00 horas- ou de tarde -entre as 19.30 e as 22.00 horas- e os cociñeiros e cociñeiras utilizarán para as súas elaboracións os produtos de proximidade máis característicos de cada concello.

  • Pantón. No Campo da Feira. Terá lugar o sábado 30 de xullo en horario de tarde e poderase degustar unha tapa de Roast Beef de vaca galega con tomate seco, castañas e queixo da Ribeira Sacra, que elaborará Martín Mantilla, de Berso.
  • Chantada. Na Praza de Santa Ana. Celebrarase o domingo 31 de xullo, en horario de tarde. Poderanse degustar unhas Gyozas de cordeiro e queixo azul de Airas Moniz realizadas polo cociñeiro Bruno Pena.
  • Taboada. Na Praza de Riazón. Terá lugar o sábado 13 de agosto en horario de tarde. Poderase degustar Steak tartar de vaca cachena da gandería Cas Fidalgo con crocantes elaborada por Antonio Lorenzo, do restaurante A Faragulla.
  • Trabada. Na Praza do Concello. Celebrarase o domingo 14 de agosto en horario de mañá e poderase degustar Albóndega de merluza de Burela con faba IXP de Lourenzá en salsa de mel IXP Conde Santo, obra de Jesús Villarino, do Asador de Alba.
  • O Valadouro. Na Praza de Santa María. Terá lugar o sábado 20 de agosto en horario de mañá. Poderase degustar unha tapa de Faba, tenreira e mel elaborada por Nardo Eiroa, do Canedo Brasería.
  • Vilalba. Na Praza da Constitución. A cita terá lugar o domingo 21 de agosto en horario de mañá e poderase degustar un Dumpling de galo de Mos con espuma de queixo San Simón feito por Alejandro Ares, de Noa Boutique Hotel.
  • A Fonsagrada. Na Praza do Concello. Celebrarase o sábado 27 de agosto en horario de mañá. A receita, que elaborará o cociñeiro Bruno Pena será un Bocata de orella de porco en texturas con pan brioche.
  • Navia de Suarna. Praza da Pobra. Terá lugar o domingo 28 de agosto en horario de mañá. O cociñeiro Pablo Vila, de Oca Hoteles, realizará un Brownie de castañas, dulce de pera e cumio de noces
  • Pol. Na Praza de Galicia. O venres 2 de setembro. A última cita desta edición do Saborea a túa provincia terá lugar en horario de mañá e poderase degustar un Solomillo Hoisin elaborado por Mar Orosa, do restaurante El Oviedo.