Skip to main content
Antas de Ulla

Socialistas de Antas denuncian o mal estado das piscinas aínda pechadas

Por 12 Xullo, 2022Sin comentarios

O PSdeG de Antas de Ulla denuncia o mal estado no que o Goberno do PP “segue tendo a zona deportiva e as piscinas, que están pechadas”. Un grave deterioro “que sofren os nosos veciños e veciñas, que non poden desfrutar como se merecen dunhas instalacións que son públicas, pero que tamén prexudica ás persoas que nos
visitan e dá unha imaxe pésima do noso concello, tal e como ocorreu esta mesma fin de semana”.

“Recibimos a centos de persoas grazas ao éxito de convocatoria do torneo de Fútbol 7 que organizou a SD Antas. Participaron 16 equipos, que acudiron con familias e afección, pero a situación coa que se atoparon nas instalacións deportivas foi lamentable porque acusan unha evidente falta de conservación e mantemento, e o Concello foi incapaz de poñelas a punto para un evento tan destacado”, explicou a Voceira socialista, Pilar García Porto.

Como exemplo do pésimo estado das dependencias, García Porto, indica que as piscinas están pechadas e con notables deficiencias para unha inmediata apertura; “a piscina grande está sen auga, sen valado de protección e sen duchas; a piscina infantil tampouco ten auga; as zonas verdes están abandonadas; non hai socorristas; os aseos están sen acondicionar; o pavillón segue como denunciamos fai anos, abandonado e sen ningún tipo de mantemento, e a caixa do desfibrilador está baleira”.

SOLUCIÓNS

Os socialistas veñen advertindo dende hai moito tempo do mal estado do conxunto das instalacións de lecer e deportivas de Antas de Ulla, tanto das piscinas, como do pavillón e das zonas verdes e, como solución, levaron en diversas ocasión ó Pleno municipal -a última vez, á sesión de xuño- unha proposta na que piden ó Concello que regule e diferencie o uso e acceso das zonas deportivas, campo de fútbol e pavillón, da zona de ocio das piscinas; e que impulse unha ordenanza municipal reguladora do prezo público por utilización das piscinas municipais coas correspondentes bonificacións en función de diferentes cuestión como poden ser diferentes tramos de idade,
familias numerosas, situación laboral ou certificado de empadroamento.

Sen embargo, o Alcalde vetou mesmo o seu debate ó non incluír a proposta na orde do día do Pleno, como fai de maneira habitual coas iniciativas dos socialistas, toda unha mostra de “desprezo ós veciños e á democracia”. “Queremos que o Concello actúe xa. Non podemos permitir que isto volva a suceder. Precisamos unhas instalacións deportivas limpas, ordenadas e adecentadas para que as desfruten os nosos veciños e veciñas, e as persoas que nos visitan”, aseguran.