Skip to main content
Antas de Ulla

A Banda de Antas protagonista dunha nova mostra na Deputación

Por 16 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

A Praza de San Marcos acollerá desde o vindeiro luns, 18 xullo, a exposición sobre a historia da Banda de Música de Antas de Ulla que impulsa a Deputación de Lugo. A propia agrupación actuará pola tarde para inaugurar esta mostra, que quedará aberta á veciñanza baixo o título 125 anos resoando no Corazón de Galicia.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participará deste acto, que tamén contará coa presenza do Tenente de Alcaldesa de Lugo, Miguel Fernández, a presidenta da Asociación da Banda de Música de Antas de Ulla, Candela Maceda Vázquez, e o autor e coautor do libro sobre a agrupación, José Salgado e Eduardo Salgado.

García Porto anima aos veciños e veciñas de Lugo e do conxunto da provincia a visitar esta mostra, “coa que damos valor á historia e á riqueza que supón para o noso territorio contar coa Banda de Antas”. Esta agrupación é unha das formacións máis antigas de Galicia e “dinamiza a vida social e cultural, ademais de actuar sempre como embaixadora de primeiro nivel para a promoción da comarca”, celebra a Deputada.

Neste sentido, tamén subliñou que a agrupación ten “un gran pasado, pero tamén un gran futuro, garantido pola media de idade dos actuais membros da Banda, todos e todas eles moi novos”.

Esta exposición, que xa se puido visitar nos concellos de Antas de Ulla, Palas de Rei e Monterroso, poderá visitarse na Praza de San Marcos durante todo o mes de xullo. A Deputación financiou con 18.000€ a mostra, ademais de achegar outros 18.000€ para a  celebración dos distintos actos conmemorativos da Banda de Música de Antas, entre os que se atopa a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da formación.

A Banda de Música de Antas de Ulla fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80.