Skip to main content
Castroverde

Castroverde: Ruta de Soutomerille

Por 25 Xullo, 2022Xullo 26th, 2022Sin comentarios

Unha vila abandonada a poucos quilómetros de Castroverde e pola que transcorre o Camiño Primitivo, árbores centenarias, bens de interese cultural, unha antiga cárcere, e camiños de terra entre bosques autóctonos. Todo iso pódese atopar na ruta a Soutomerille.

Para adentrarse nela basta con realizar o roteiro circular de preto de 6 quilómetros que permite coñecer a vila e os seus arredores. A rotonda de Paderne, onde a estrada LU-530, que une Lugo e A Fonsagrada, conflúe coa LU-106, de Romeán a Bascuas, será a saída e chegada da ruta.

Xa no punto de inicio un cartel informativo marca o mapa de ruta e os puntos chave como a Pallota, o lugar de Soutomerille, o castiñeiro centenario da Corredoira ou o Camiño Primitivo, que atravesa a vila.

Tras un treito de estrada, o camiñante collerá un sendeiro de terra que conecta esta ruta co Camiño Primitivo. Pouco despois, o paseante verá a antiga casa e taberna da Pallota, que se atopa xunto á lagoa co mesmo nome.

Avanzando no camiño chegarán ao seguinte punto chave na ruta: a igrexa de San Salvador de Soutomerille e a Casa Torre de Abaixo. A capela, abandonada na actualidade, conta cunha orixe misteriora. E é que, mentres uns tildan a edificación como prerrománica, outros sitúan a súa construción en época mozárabe.

No ano 1619 foi reformada, pero antes, segundo demostra un estudo, puido ser o centro dun mosteiro chamado Sauto Maireli. Que máis tarde sería o actual Soutomerille.

Pola súa banda, a Casa Torre de Abaixo, declarada Ben de Interese Cultural, deixa constancia do que, nalgún momento, foi unha señorial construción que puido ser o lugar central dun recinto sacro. Na súa contorna, o camiñante poderá atopar tamén o cemiterio máis pequeno de Galicia.

Durante toda a andaina atopanse varios castiñeiros e carballos centenarios. Entre eles destacan o castiñeiro da Corredoira e, moi preto do Castro e a Croa, o do Neto.

Para chegar á Croa de Soutomerille o camiñante deberase desviar uns metros do camiño e subir por un sendeiro. Arriba, atopará unhas marabillosas vistas que poderán desfrutar sentados na pedra coñecida como Asento dos Mouros. Unha gran pena na que unha especie de pozas fan, ás veces, de asentos circulares.

Un estreito sendeiro que atravesa o bosque continúa a ruta ata volver a Soutomerille, esta vez pasando por outro Ben de Interese Cultural, como é a Casa Torre de Arriba, unha vivenda de tres alturas que conserva os restos da antiga torre e tamén os vestixios dunha vella cárcere da que o Museo Provincial de Lugo conserva algunhas das súas cadeas.

Voltaremos ao trazado do Camiño Primitivo, esta vez, en sentido contrario a Santiago, para á estrada que regresa á rotonda de Paderne.