Skip to main content
A FonsagradaNavia de SuarnaNegueira de Muñiz

A indicación xeográfica vitivinícola Terras do Navia recibe a protección nacional transitoria

Por 20 Xullo, 2022Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural concede a protección nacional transitoria á indicación xeográfica protexida (IXP) Terras do Navia. Utilízase así un mecanismo que está previsto na normativa comunitaria e que permite a utilización e a protección desta IXP no territorio español mentres a Comisión Europea non adopte a decisión definitiva da súa inscrición no rexistro europeo. Deste xeito, trátase dunha solución transitoria que estará vixente ata que a Comisión Europea tome unha decisión definitiva sobre a súa inscrición e protección en toda a Unión.

Esta orde continúa o proceso iniciado o 28 de maio de 2021, cando a Consellería do Medio Rural aprobou o recoñecemento desta indicación xeográfica protexida, sendo publicada o 11 de xuño do mesmo ano. Tras isto, transmitiuse por parte do Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación a solicitude para inscribila ante a Comisión Europea, que a recibiu o 23 de xullo, habilitando este trámite a posibilidade da concesión da protección transitoria.

Co recoñecemento desta IXP preténdese protexer e potenciar os viños do territorio delimitado que comprende o concello lucense de Negueira de Muñiz e diversas parroquias dos concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada. Os viños deben cumprir diversos requisitos relativos tanto ás variedades de uva utilizadas como ás técnicas de produción vitícola e ás prácticas enolóxicas empregadas. Establécense ademais requisitos relacionados coas características físico-químicas e organolépticas dos viños, a súa etiquetaxe e comercialización.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria encargarase de asegurar o cumprimento das condicións esixidas mediante os diferentes tipos de controis, tanto sistemáticos como aleatorios. Están suxeitos a estas probas tanto o propio produto como aqueles operadores
que se encargan da súa elaboración e/ou comercialización.

A protección nacional transitoria estará operativa ata que a Comisión Europea resolva este expediente e tome a decisión de conceder ou denegar a indicación xeográfica protexida ao viño Terras do Navia.