Skip to main content
Lugo

Lugo, unha viaxe á porta da casa

Por 16 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

Reza o refrán que canto máis cerca, máis lonxe. E, as veces, semella que ten razón. O verán está aquí e algúns lucenses buscan destino no que pasar as súas vacacións. Moitos soñan con grandes viaxes nos que gozar de praias infindas de area branca ou coñecer países na outra punta do mundo. Outros, confórmanse con terras mais cercanas, con seguro de sol.

Pero poucos se contentan se a situación, sexa cal sexa, lles obriga a quedarse en Lugo. A cidade, que a simple vista, nos parece que ten pouco que ofrecer pódese ver diferente tan só con dedicarlle unhas horas das nosas vacacións e uns ollos que a miren como turistas. Lugo é patrimonio, é cultura e é bo comer pero, sobre todo, é unha cidade que garda máis dunha sorpresa.

Moitos son os turistas que, cada ano, se achegan a Lugo para pasear entre patrimonio e natureza; pero, os lucenses coñecen, realmente, as marabillas que esconde a cidade que teñen baixo os seus pés.

Comecemos polo principio. Nunha viaxe por Lugo non podemos esquecer certos patrimonios históricos que todo lucense coñece, entre eles a Muralla, a Ponte Romana ou a Catedral.

Con máis de 2000 anos ás súas costas, e un título de Patrimonio da Humanidade, a Muralla romana de Lugo está constituída por 85 cubos e 10 portas de entrada ao casco histórico. Este contraforte de máis de 2 quilómetros de circunferencia pode presumir de ser a única muralla romana que se conserva enteira en todo o mundo. Dar un paseo polo seu adarve ou rodeala polo seu exterior axuda a dar boa conta da súa maxestuosidade.

Na Muralla destaca a torre da Mosqueira, coroada por dous arcos que lembran ese pasado de fortificación que, en época de Caio Antistio, tiña esta estrutura.

No momento da súa construción, segundo diversos estudos, os romanos só lle abriran dúas portas, as actuais Porta Miñá e Porta Falsa. Con todo, aínda en época romana abríronse a de San Pedro, por onde entraban as calzadas XIX e XX dende Asturica Augusta (Astorga) e Braccara Augusta (Braga); a Porta Nova, que daba a benvida aos chegados dende Brigantium (Betanzos) e a Porta de Santiago ou do Postigo, que foi modificada posteriormente.

As outras cinco portas que se poden ver na actualidade son de creación moderna, en concreto entre o 1853 e o 1921 abríronse as de San Fernando, a Estación, Bispo Izquierdo, Bispo Aguirre e Bispo Odoario.

Dende a Porta Santiago, decorada polo seu interior cun templete no que se colocou unha imaxe de Santiago Matamoros e un escudo de armas, podemos ver a Catedral de Santa María, o outro gran Patrimonio da Humanidade.

Construída sobre un antigo templo tardorromano, e reformada en diversas ocasións deixa entrever, nos detalles construtivos, a mistura das distintas épocas arquitectónicas, sendo considerada, na súa gran maioría, unha obra de estilo románico. A súa planta é a máis larga e estreita dos templos hispanos e no seu exterior destaca a súa porta norte, refuxiada por un curioso pórtico, aos pés da praza de Santa María. Seguindo neste lateral norte, pódese visualizar a torre do reloxo que mantén un estilo gótico.

Pero se algo destaca desta catedral é a fachada principal, na praza Pio XII. Dúas torres simétricas érguense por riba do edificio unidas entre sí polo corpo central cunha sobriedade á que non lle falta detalle. No interior do tempo, destacan as pinturas da bóveda do altar maior descubertas hai dez anos.

Quedámonos na praza Pio XII onde se pode descubrir un deses segredos mellor gardados da cidade: O Museo da Domus do Mitreo. Unha casa romana cun espazo de culto que pouco se coñece entre os lucenses.

Nos primeiros anos 2000, arrancaba a escavación neste edificio no que a Universidade de Santiago de Compostela pretendía integrar a súa vicerreitoría. Neses traballos, pronto se atoparon os restos desta domus que se datou entre finais do século II e inicios do III.

Ademais da domus, no que sería a primeira planta, sitúase o Mitreo, un lugar de culto, de orixe oriental e de pequenas dimensións, onde destacaba unha gran ara gravada que se conserva case á perfección.

Pero o máis especial deste museo é, sen lugar a dúbidas, a posibilidade de contemplar os cimentos orixinais da Muralla, sendo este o único punto onde gozar estas vistas.

Ao outro lado da catedral está a praza de Santa María, onde se atopa o edificio do pazo episcopal construído en 1743. Pero a maxia desta pequena praza, de planta triangular, non remata aí, senón que tamén acolle unha piscina romana, no subsolo, que foi atopada no 1960 e que se pode ver a través dunha fiestra arqueolóxica, dende 2011.

Subindo a escalinata de Luís Pimentel chegamos ao fondo da praza Maior, unha das xoias deste paseo turístico. Sendo o pulmón verde do casco histórico, e corazón da vida lucense, conta cun monumento aos fundadores romanos da cidade e outro ao poeta Luís Pimentel.

Dende o templete da música, no centro da praza, pódese visualizar o edificio barroco da Casa do Concello ou o modernista Círculo das Artes. As terrazas dos bares dos soportais, son imaxe característica dunha praza que concentra parte da vida da cidade.

É precisamente entre as terrazas onde se atopa a rúa doutor Castro, alí atópase outro punto chave, subterráneo, para coñecer o pasado romano da cidade. Trátase da Casa dos Mosaicos, unha visita que axudará a coñecer o luxo que puido chegar vivirse na época máis esplendorosa de Lucus Augusti.

Un non pode deixar o casco histórico sen pasar pola praza de Santo Domingo, onde unha gran aguia a 15 metros de altura rememora o bimilenario da cidade. Ao seu carón, atopamos a praza de San Marcos, sede da Deputación provincial, e que conta con outro achado romano: parte do acueduto que introducía auga dentro da antiga cidade.

Outros restos deste acueduto pódense desfrutar noutros puntos da cidade. Así, en horteiros privados na rúa Flor de Lirio e na rúa Lumbrigante, pódense atopar o inicio desta canle así como un vestixio que marcaría o camiño da auga, cara a cidade.

Dous puntos máis antes de saír fóra das murallas. O primeiro, a praza da Soidade, a uns metros do monumento Bimilenario, e onde se atopa o Museo Provincial de Lugo. De entrada gratuíta e no que se conserva o claustro do que, antigamente, foi un convento franciscano.

O museo conta cunha gran colección de pezas arqueolóxicas e de orfebrería, así como un mosaico de grandes dimensións e a reprodución dunha lareira tradicional.

Na mesma praza está a Igrexa de San Pedro, de estilo gótico e declarada Monumento Histórico-Artístico.

Por último, dentro de Murallas, queda a praza do Campo, durante moitos anos corazón da cidade vella. Outra das prazas triangulares do casco histórico e que pasou de ser unha zona comercial na Idade Media a, na actualidade, converterse nun punto de encontro social. No seu centro está a fonte de San Vicente, que unha vez ao ano, a finais deste mes de xullo, emana viño para repartir entre propios e estraños.

EXTRAMUROS

Saíndo de murallas pola porta de San Pedro, veremos o Camiño Primitivo, o terceiro Patrimonio da Humanidade co que conta a cidade. Fronte a Muralla, está a avenida de San Roque, onde, a poucos metros do seu inicio atopamos o Centro Arqueolóxico onde se poden ver pezas atopadas pola contorna, cadaleitos que corresponden a unha área funeraria que puido estar situada no exterior da cidade de Lucus Augusti.

Rodeando a rolda da Muralla, ao carón da porta Miñá atopamos a Sala de Exposicións co mesmo nome, que explica como se configurou a cidade de Lucus Augusti, seguindo o proceso evolutivo da mesma, dende a fundación como campamento romano, a súa fortificación e o fin da súa época de esplendor. Urbanismo, vida cotiá e ocio romano, podense atopar neste pequeno museo no que, recentemente, se atoparon restos dunha cloaca romana que pronto será visitable.

A última parada cerca do centro será ao verdadeiro pulmón verde de Lugo. O parque de Rosalía de Castro conta con 23 hectáreas de terreo polo que pasear, facer deporte e desfrutar. Espazos de lecer para nenos e adultos, con xardíns, fontes e ata un pequeno estanque.

Xa deixando atrás a zona centro, queda por ver todo o patrimonio natural da cidade. A primeira parada, baixando dende o Parque de Rosalía pola volta da viña, é o parque do Miño. Unha zona de esparexemento e de goce da natureza. Con todo, a peza chave neste idílico lugar é a Ponte Romana, unha das herdanzas mellor conservadas do pasado romano. Con algo máis de 100 metros de largo, a ponte cruza o río Miño unindo a Calzada da Ponte coa estrada vella de Santiago.

Dende a ponte, pódese ver unha das últimas paradas desta viaxe por Lugo. O balneario de augas termais. Máis aló dos beneficios que poida ofrecer, no seu interior pódese apreciar outro vestixio: as antigas termas romanas.

Testemuña das grandes obras públicas creadas polos romanos na cidade, conservan case á perfección as súas salas apodyterium, caldarium, tepidarium e frigidarium e pódense ver de luns a domingo, de forma gratuita, baixo reserva previa.

E non só o Miño baña Lugo. En menor medida, pero igualmente visitable é o paseo do río Rato. Con preto de tres quilómetros e medio de senda peonil, o paseo énchese de bancos, pontes, fontes e, incluso, pequenas cascadas. Asemade, no camiño está o Centro de Interpretación da Reserva da Biosfera Terras do Miño, ubicado nunha casa-muíño do século XIX.

Seguindo a senda acabaremos aos pés da Ponte da Chanca, un viaduto creado hai 150 anos para introducir o tren na capital e que, cos seus vinte impoñentes arcos, e 29 metros de altura, fai da zona un espazo único no que relaxarse. Pola zona, ademais, poden contemplarse os restos da antiga aldea da Chanca, como un muíño ou un antigo lavadoiro ao lado do río Rato.

E despois de gozar de todas as marabillas que nos ofrece Lugo, só queda un paseo pola zona dos viños onde, ben seguro, se porá un delicioso punto final a unha viaxe, con ollos de turista, pola cidade de todos. Pero iso xa queda a gusto do consumidor.