Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo solicita a reubicación da zona de baño pública

Por 1 Xullo, 2022Xullo 3rd, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo vén de solicitar á Confederación Hidrográfica o desprazamento da Zona de Baño Pública augas arriba, no Miño, para poder abrila este verán.

A área de Medio Ambiente tomou esta decisión á vista das apreciacións realizadas pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural no seu informe, que, finalmente foi trasladado á Institución local esta mañá tras solicitalo por escrito, “despois de detectar que os protocolos de seguridade informática estaban a bloquear o Sistema de Interconexión de Rexistros e de varios intentos infrutuosos de comunicación co departamento autonómico”, sinalou Miguel Fernández.

O tenente de alcaldesa explicou que “tal e como avanzamos en días anteriores, e á vista do devir que levaba esta cuestión, dende a Administración local tiñamos moi avanzada a elaboración de toda a documentación necesaria para iniciar o procedemento en calquera das dúas alternativas que se podían presentar: pedir o traslado da colonia de mexillóns ou o cambio de situación da Plataforma. De maneira que, en canto tivemos constancia oficial – xa por fin – das conclusións de Patrimonio Natural, optamos por esta última, tendo en conta tamén que este ano, o caudal do Miño é un 35% máis baixo do habitual”.

O concelleiro de Medio Ambiente referiu que “se trataría de desprazar a estrutura flotante un máximo de 40 metros e lixeiramente cara o eixe do leito, manténdose na área do proxecto orixinal, xa que os estudos realizados consideran que esta é a opción máis respectuosa co río, en consonancia cos permisos concedidos pola CH”, afirmou.

Con relación ao contido do documento entregado hoxe pola Xunta, Miguel Fernández lamentou que “a maior parte das consideracións obedezan máis a unha enumeración de conxecturas e hipotéticos supostos sobre os que, para poder valorar a súas consecuencias en caso de chegar a producirse se reclama a realización de estudos e informes que xa obran no expediente, no que parece, ademais dunha excesiva sobreactuación, un intento de frear a apertura con especulacións”.

“Non é moi previsible que, en plena época estival, poida chegar a producirse unha riada”, apuntou como exemplo ao tempo que volveu aclarar algunha das informacións erróneas que recolle o texto.

“O Concello non comezou a instalar a Plataforma, senón que o único que fixo, atendendo ás apreciacións realizadas pola Xunta de Galicia instando a incrementar a estabilidade e flotabilidade das estruturas, foi realizar precisamente unha comprobación ao respecto, depositando no leito unha plancha da devandita estrutura fixada á terra, na beira, de maneira provisional. Simultaneamente realizou, alén, a mostraxe da fauna existente na zona por parte de biólogos que oficiosamente in situ lle trasladaron as conclusións obtidas aos técnicos da Xunta que compareceron no lugar, pero tamén a través do correo electrónico”, sostivo o edil.

O tenente de alcaldesa solicitou, iso si, a todos os organismos implicados a máxima colaboración para axilizar a tramitación da súa apertura, porque “as institucións non poden facer refén á cidadanía nin secuestrar proxectos públicos con fins partidistas”.

“Calquera diría que o que se pretende é vetarlle o Miño á veciñanza de Lugo á vista de que hai outros municipios nos que, neste mesmo río, contan dende hai tempo cunha dotación similar. A opción que nos recomendan é a de executar o proxecto en augas encoradas no que emula un intento de convidarnos a instalar a Zona de Baño no embalse de Portomarín”, ironizou o tenente de alcaldesa.