Skip to main content
Lugo

Un concerto e unha mostra en torno á viola da gamba, en Lugo

Por 1 Xullo, 2022Sin comentarios

O Centro de Artesanía e Deseño acollerá unha exposición de violas da gamba e un concerto-coloquio a cargo da formación Capela Compostelana en homenaxe ao viologambista José Vázquez (La Habana, Cuba, 1951-Madrid,2021), un dos máis recoñecidos intérpretes deste instrumento de corda.

A programación rememora o paso por Lugo do músico de orixe cubano, que en 2008 expuxo no Museo de Lugo unha colección de instrumentos musicais de corda dos séculos XVI até o XVII única no mundo, ademais de dirixir á formación Orpheon Consort en distintos concertos interpretados cos instrumentos exposto.

Coincidindo co 14 aniversario daquelas actividades, unha das poucas ocasións en que se puido desfrutar na Pensínsula Ibérica da súa particular maneira de concibir o pracer da musica antiga, o Centro de Artesanía e Deseño acolle a mostra “Homenaxe a José Vázquez” que reúne máis dunha ducia de instrumentos do músico coruñés Francisco Luengo, alumno avantaxado de José Vázquez e referente da recuperación e difusión da música barroca e renacentista coa formación Capela Compostelana.

A mostra reúne 13 instrumentos de corda, na súa maioría violas da gamba máis tamén outros da familia da viola como o pardessus -que se toca no regazo- ou a xiga, un instrumento medieval considerado precursor da viola de gamba, barroca.