Skip to main content
Lugo

Arranca o Campus de Verán XuvenCiencia cunha xincana entre os participantes

Por 3 Xullo, 2022Sin comentarios

A décima edición do Campus de Verán XuvenCiencia bota a andar mañá, día 4, na sede universitaria luguesa coa celebración dunha xincana, durante a que todo o alumnado preuniversitario participante deberá completar diversas actividades e probas en diferentes espazos da sede universitaria luguesa.

O obxecto desta primeira sesión é o de favorecer a socialización entre os estudantes de ESO e Bacharelato e Formación Profesional, ademais de familiarizalos coa contorna física na que se desenvolverá o programa ata o 9 de xullo, segundo comentou a coordinadora do grupo de innovación docente do Campus de Lugo da USC XuvenCiencia, Mercedes Novo.

Unha vez rematada esta primeira actividade do X Campus XuvenCiencia, os distintos compoñentes da organización ofrecerán, ás 13.30 horas, un acto institucional de benvida a todo o alumnado preuniversitario participante no auditorio da Facultade de Veterinaria, no que, alén das autoridades académicas, tamén tomarán parte representantes políticos do Concello e da Deputación Provincial de Lugo, así como da Xunta de Galicia.

A nova edición deste campus científico promovido polo Grupo de Innovación Docente XuvenCiencia do Campus de Lugo da USC ofrece un abano de 16 proxectos científico-tecnolóxicos, biosanitarios, de ciencias sociais e de humanidades, nos que poderán participar entre cinco e seis persoas por proxecto.

A maioría destas propostas están inspiradas ou cando menos relacionadas con algunhas das investigacións máis punteiras que se desenvolven no Campus de Lugo, como as de peixe cebra para o tratamento do cancro e doenzas raras ou a procura de novas fontes de enerxía mediante fotosíntese artificial.

Os obradoiros e proxectos desenvolveranse nas propias instalacións universitarias, aínda que algunha das actividades tamén inclúe traballo de campo no Museo Provincial de Lugo e no Arquivo Histórico Provincial.

O programa mantén visitas a empresas e centros científicos e tecnolóxicos, que nesta ocasión serán Larsa, Finsa, Norvento, Xenética Fontao o CIAR de Rozas, o edificio bioclimático do proxecto Life Lugo + Biodinámico, o Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) e o Hospital Veterinario Rof Codina.