Skip to main content
Lugo

Un plan estratéxico dará novos pasos para o Barrio Multiecolóxico de Lugo

Por 5 Xullo, 2022Xullo 7th, 2022Sin comentarios

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo aprobará esta semana o Plan Estratéxico Biodinámico. Un documento que ten como vontade servir de marco urbanístico para deseñar o Barrio Muñtiecolóxico da Garaballa, ao abeiro do programa Life.

Así o anunciou esta mañá Lara Méndez, alcaldesa de Lugo, quen indicou que, “tratando de promover un novo desenvolvemento urbano fundamentado na posta en valor da madeira local e na xestión sostible dos bosques, identificamos un conxunto de solucións para a adaptación climática dos espazos nas cidades sendo o control destes criterios o eixe central da planificación das futuras áreas residenciais”.

Así, entre as ferramentas habilitadas polos técnicos municipais atópase a concreción dun Parque Lineal Fluvial, conformado polas cuncas do Miño, Rato e Fervedoira.

“O ámbito de actuación que delimitan foi denominado como Infraestrutura Verde de Protección Climática dentro da cal, temos a vontade de mellorar a súa permeabilidade e conectividade ambiental a partir da ordenación dun sistema multifuncional de espacios abertos”, indicou Méndez.

A proposta, segundo sinalou a rexedora trata de estruturar os enclaves existentes de Garabolos, As Gándaras e o polígono do Sagrado Corazón co fin de revitalizar toda a área, a cal se caracteriza polo sinal natural que lle confiren os dous ríos sobre os que se apoia e que lle proporcionan un gran atractivo paisaxístico.

As conclusións obtidas nesa investigación serviron, a continuación, para configurar unha visión estratéxica do futuro desenvolvemento residencial que terá toda a contorna, orientada a lograr unha efectiva Ordenación Urbana adaptada ao cambio climático que redunda en dous piares: a habitabilidade e a sostibilidade, o que quedou recollido nun Plan específico.

Así, a alcaldesa relatou que se optou por articular a estrutura do Barrio Mutiecolóxico sobre un sistema funcional de espazos abertos, que brindará servizos ambientais á cidade, contribuíndo ao ciclo da auga, reducindo á súa vulnerabilidade para os efectos do cambio climático e servindo de guía para a Estratexia Urbana de Adaptación.

“Nela poranse en valor os espazos libres de conexión transversal que garantan a continuidade das áreas verdes existentes en todo o ámbito – co obxectivo de que estas teñan unha dimensión recualificadora – e se indenficarán as principais áreas de reserva da biodiversidade, os soportes de avifauna e os corredores biolóxicos existentes”, avanzou Méndez.

En canto á vertente socioeconómica, Lara Méndez adiantou que o Plan exporá unha innovadora iniciativa de dinamización das actividades industriais do Parque Empresarial das Gándaras que favorecerá a implantación de sector da Bioeconomía, baixa en carbono e fundamental en recursos renovables biolóxicos locais.