Skip to main content
LugoMonforte

A Deputación asina a concesión do Mazo de Santa Comba e do Club Náutico de Ponte do Sil

Por 5 Xullo, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou hoxe a concesión demanial da explotación do restaurante Mazo de Santa Comba, en Lugo, e do Club Náutico de Ponte do Sil, en Monforte de Lemos, dúas instalacións titularidade da institución provincial. No acto, que tivo lugar no Pazo de San Marcos, Tomé Roca fixo entrega das chaves aos novos adxudicatarios.

“Con este proceso de concorrencia pública non buscamos unha rendibilidade económica, senón social e turística. Son inmobles situados en enclaves moi atractivos e o seu funcionamento enriquece a oferta turística da provincia, o que terá un impacto positivo para a economía e o emprego”, subliñou o Presidente.

A concesión destes espazos é por dous anos, con posibilidade de dúas prórrogas anuais, é dicir, un máximo de catro anos. No caso do Mazo de Santa Comba, o prezo mensual que deberá abonar o adxudicatario é de 450€, que significarán 5.400€ ao ano, e en Ponte do Sil, o prezo é de 502,50€ ao mes, 6.030€ ao ano.

Na cafetería do Club Náutico de Ponte de Sil, a Deputación desenvolveu recentemente un conxunto de obras de mellora e regularización das instalacións cun investimento de preto de 40.000€. Por unha banda, fixéronse as actuacións necesarias para instalar unha estación de depuración de augas e, por outra, colocouse unha plataforma elevadora para mellorar a accesibilidade neste lugar.

O Club Náutico Ponte do Sil está situado ao carón do embarcadoiro da Deputación, de onde parte unha das rutas en catamarán que a institución ten en funcionamento na Ribeira Sacra. Atópase nun lugar privilexiado con vistas ao río Sil, sendo o complemento perfecto para as persoas que desfrutan deste entorno fluvial.

Pola súa banda, o restaurante Mazo enmárcase nas instalacións do museo etnográfico da Deputación no municipio de Lugo, no lugar de Santa Comba. Está nun enclave atractivo, ao pé do río Chamoso, que permite visitar un mazo co que se laminaba o ferro, varios muíños e un serradoiro. Ten dous comedores con grandes ventás, que permiten á clientela desfrutar da paz e da tranquilidade que transmiten as augas do río.