Skip to main content
Lugo

O Laboratorio de Sanidade Vexetal de Lugo, renovado para acadar o máis alto nivel

Por 6 Xullo, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na visita que o Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, fixo ás instalacións do Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal, situadas na cidade de Lugo. Unhas instalacións que veñen de ser renovadas para converterse nunha infraestrutura de primeiro nivel e acadar estándares elevados no control da produción agraria.

O mandatario provincial agradeceu a visita do Ministro e puxo en valor o seu compromiso co sector primario, “que é fundamental para a economía, para o emprego, pero tamén para preservar a identidade cultural da nosa provincia”. Puxo o foco no interese mostrado por Planas por coñecer de preto a situación do sector lucense e recoñeceu os avances no laboratorio que o Goberno vén de executar no marco da súa vontade por descentralizar a administración.

Este laboratorio completa a rede estratéxica de laboratorios veterinarios e de sanidade animal dependentes do Ministerio para reforzar a seguridade alimentaria. O Ministro destacou que é un centro en crecemento de alto nivel que reforza a seguridade das producións nacionais e, entre outros aspectos, permitir que se poida seguir exportando produtos agroalimentarios por valor de 62.000 millóns de euros, como aconteceu o ano pasado. Agora mesmo traballan nel 19 persoas, pero avanzou Planas que está en crecemento.

O Presidente da Deputación recoñeceu o apoio decidido do Goberno de España á actividade agrogandeira e do mar, con axudas para paliar o impacto da guerra aos sectores lácteo, cárnico e pesqueiro por un importe conxunto que se eleva aos 440 millóns de euros. De feito, o Executivo central xa ingresou 25 millóns de euros ás ganderías de leite da provincia de Lugo.