Skip to main content
Lugo

O Concello de Lugo renova todas as marcas viais da cidade

Por 8 Xullo, 2022Sin comentarios

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, lembrou que o Goberno de Lugo realizou nos últimos anos un importante esforzo para renovar a sinalización horizontal en toda a zona urbana. Alexandre Penas explicou que “desde o 2019 investimos máis dun millón de euros na renovación das marcas viais de toda a cidade, un investimento que permitiu actuar en máis de 260 rúas de todas as zonas de Lugo”.

O edil de Infraestruturas respondía así ás denuncias realizadas pola federación de asociacións veciñais, e lamentou “que Jesús Vázquez -presidente do colectivo- mostre novamente a súa obsesión co BNG, esta vez confundindo ás veciñas e veciños e demostrando o seu descoñecemento da cidade cunha cuestión na que o Goberno de Lugo está a realizar un grande esforzo”, e afirmou que “Jesús Vázquez demostra unha vez máis a escasa veracidade das súas afirmacións, faltando á verdade, como cando o ano pasado reclamou o arranxo das rúas do barrio da Cheda seis meses despois de que foran amañadas”.

Toda a sinalización horizontal que se está a pintar está adaptada aos cambios realizados na ordenanza de circulación, destinados a evitar resbalóns aos peóns e aos vehículos de dúas rodas. Nos pasos de peóns regulados por semáforo só se pintan os límites, deixando a zona interior descuberta para evitar resbalóns.

No caso dos pasos non regulados por semáforo, déixase unha das liñas sen pintar para evitar tamén resbalóns de motos e bicicletas. Nas prazas para persoas con mobilidade reducida agrándase o tamaño e píntase unha superficie menor.

Desde a concellería de Infraestruturas planifícase o pintado tratando de reducir ao máximo os cortes nas rúas. “Malia que pode haber momentos puntuais nos que se poida producir algunha restrición na circulación, tratamos de facilitar ao máximo o acceso da veciñanza ás distintas zonas”, explicou Alexandre Penas, que engadiu “seguiremos traballando para mellorar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza de toda a cidade”.