Skip to main content
Lugo

A robótica no sector agrario e forestal, a estudo no Campus Terra

Por 11 Xullo, 2022Sin comentarios

Que a innovación se expande cada vez a sectores máis inesperados, é xa unha realidade. A transferencia de coñecemento e a progresiva implantación de solucións innovadoras orientadas á automatización de tarefas cotiás a través da robotización,  aumenta as producións nos sectores agrogandeiro e forestal.

Ao tempo, mellora o rendemento económico das explotacións e redunda en maiores cotas de benestar das persoas e mesmo na calidade do traballo. Así o salientaron o responsable de márketing de Lely Ibérica, Alberto Sánchez, e o presidente de Kubota España, Germán Martínez, nas xornadas sobre robótica agrícola e gandeira que citan ata este martes máis de 70 participantes na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo.

As xornadas serviron asemade para inaugurar o Programa de Formación Aberta da EPS de Enxeñaría, unha iniciativa a través da que o equipo de dirección do centro universitario lugués pretende achegar aos membros da comunidade universitaria e ao público en xeral “formación complementaria específica que redunde tanto na mellora do seu grao de benestar como no progreso dun sector primario que tanta importancia ten na provincia de Lugo”, dixo a directora da EPSE, Rosa Romero.

Este evento está coordinado polo profesor Javier Bueno e continua mañá con dous novos relatorios a cargo dos investigadores do Grupo de Percepción Artificial (GPA) no Centro de Automática e Robótica do CSIC Ángela Ribeiro e Dionisio Andújar.

A delegada do reitor para o Campus Terra, Elvira López Mosquera, remarcou os novos folgos que reporta o grao en Robótica para a oferta académica que imparte a USC na EPS de Enxeñaría, ao tempo que indicou que “o elevado grao de robotización que están a experimentar as explotacións agrogandeiras e forestais actúa como un novo acicate para que o futuro profesional no sector primario esperte máis atractivo entre as novas xeracións”.

O deputado provincial Pablo Rivera Capón reiterou neste senso o compromiso da Deputación Provincial de Lugo co Campus de Lugo da USC e, nomeadamente, coa transformación dixital e sustentable dos sectores agrario, gandeiro e forestal. Daquela Rivera Capón lembrou a recente incorporación do organismo provincial ao protocolo Smart Agro, un programa na que a de Lugo participa xunto con outras sete deputacións provinciais española e 20 empresas.

Aposta polo sector primario

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na inauguración deste ciclo de conferencias, onde puxo en valor a formación, a innovación e a investigación universitaria ao servizo do sector primario como factores esenciais “para potenciar o desenvolvemento do noso rural”.

Neste sentido, incidiu en que o apoio á actividade agrogandeira “é precisamente unha das liñas de actuación fundamentais da Deputación de Lugo”. “Colaboramos coa Universidade e co propio sector produtivo para impulsar accións, coma esta, que, a través da transferencia de coñecemento, axuden a mellorar a competitividade, a produtividade, a diversificación e a creación de valor engadido do sector agroalimentario da provincia”, subliñou o Deputado.

Un dos proxectos destacados dentro da colaboración da institución provincial coa Universidade é a Granxa Experimental de Leite, explicou Pablo Rivera, “na que temos un exemplo da robótica gandeira que abordan estas xornadas”.

Así mesmo, lembrou que a Xunta de Goberno aprobou o pasado venres a adhesión da Deputación de Lugo ao proxecto Smart Agro: Territorios rurais, agroalimentarios e intelixentes, unha iniciativa da que forman parte outras 8 deputacións e máis de 30 empresas de tod o o Estado co obxectivo de concorrer conxuntamente a fondos europeos co fin de potenciar o sector primario a través da dixitalización e a innovación”.

A Deputación de Lugo, destacou, convértese deste xeito “na entidade de referencia no Norte de España” deste grupo de traballo, pois o resto de institucións presentes son do sur e do centro do país: Córdoba, Cáceres, Badaxoz, Cidade Real, Xaén, Salamanca, Soria e Teruel.