Skip to main content
Lugo

A Deputación finaliza a renovación da Infanta Elena en Lugo

Por 12 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, comprobaron hoxe o resultado das obras para o desdobramento e humanización da Avenida Infanta Elena, que xa están completamente rematadas e a disposición da veciñanza.

Desta forma, o mandatario provincial e a rexedora cumpren co compromiso que fixeron o pasado setembro, cando comezaron as actuacións, de ter en servizo a renovación da vía este verán.

Durante a visita, José Tomé destacou que a actuación transformou a principal vía de entrada e saída da cidade de Lugo na súa parte norte, onde se concentra ademais unha gran actividade comercial e que comunica coa zona industrial do Ceao. “Houbo unha transformación estética que é evidente, pero, sobre todo, conseguimos que os condutores, os ciclistas e os viandantes circulen con máis seguridade e con máis comodidade por esta avenida. Conseguimos, en definitiva, unha mellora moi relevante en canto á mobilidade”, destacou o mandatario provincial.

Este proxecto, promovido polo Concello de Lugo e financiado integramente pola Deputación de Lugo, permitiu que o treito da Avenida Infanta Elena que vai dende o enlace coa Ronda Norte á glorieta 25-N teña entre dous e tres carrís de circulación por cada sentido, unha rotonda á altura de Paulo Fabio Máximo, carrís bici, beirarrúas, iluminación LED, mobiliario urbano e arboredo en todo o percorrido, mellorando a seguridade e comodidade de condutores e peóns, así como a fluidez do tráfico.

O Presidente da Deputación e Alcaldesa de Lugo estiveron acompañados polo Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, pola Deputada e Concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira e polo Concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Miguel Fernández Méndez.