Skip to main content
Lugo

O Lugo Transforma consegue o fondo de 12 millóns de euros para captar investimentos

Por 15 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

O Fondo Inversor Municipal Lugo Transforma, de 12 millóns de euros, mobilizado polo Concello de Lugo co fin de captar investimentos para a cidade, atraer novas empresas e crear emprego sostible, está xa operativo unha vez que quedou constituído e inscrito na Comisión Nacional do Mercado de Valores.

“Unha estratexia que activamos tras a pandemia e que agora se ve máis necesaria que nunca coa actual crise”, sostivo a rexedora.

A propia rexedora, Lara Méndez, comunicoullo esta mesma mañá ás empresas lucenses que apoian a iniciativa municipal, pioneira en Galicia, e coas que mantivo unha reunión a primeira hora da xornada.

“Esta importantísima aposta público privada, na que as empresas máis potentes e recoñecidas de Lugo se unen ás e aos lucenses para converternos en accionistas de proxectos innovadores, dándolles o respaldo necesario para instalarse no municipio e crear emprego, fará máis forte á cidade e nos permite albiscar un futuro enriquecedor”, comentou a alcaldesa ao tempo que quixo agradecer a confianza dos empresarios.

Acompañada dos responsables do Fondo Xestor, a rexedora anunciou que o vindeiro día 27 deste mes se reunirá a primeira Comisión de Investimentos, onde estarán presentes tamén as empresas comprometidas co Fondo, e na que se analizarán catro dos 35 proxectos que xa se presentaron á estratexia lucense e cuxa viabilidade está a ser analizada pola xestora.

Logo de superar a primeira parte do proceso e de oficializar a constitución do Fondo, atopámonos agora nun momento crucial de atraer ao sector privado para que colabore coa Administración local. Unha proposta que tivo unha gran aceptación porque, como puidemos comprobar esta mesma mañá, as principais empresas de Lugo deron o seu consentimento xa dende o primeiro momento”.

A rexedora recordou que, en prol de promover a maior diversificación da carteira do Fondo, a entrada de capital en cada proxecto non poderá superar en ningún caso o 10% do patrimonio do mesmo, as empresas non deberán ter unha antigüidade superior aos 7 anos desde a súa constitución e o seu domicilio social ou centro operativo principal deberá estar no municipio.

A estratexia segmentarase, á súa vez, en tres apartados. Un dedicado a empresas en fase de creación, denominado capital semente; outra parte do Fondo será para compañías que se atopan en etapas iniciais pero xa operativas no mercado e unha terceira parte irá dirixido a negocios cun nivel de consolidación significativo, pero que se atopan ante unha oportunidade importante de crecemento, o que se denomina capital expansión, de maneira que a estratexia alcanzará todas as etapas empresariais.

Unha Comisión na que os impulsores dos proxectos terán a ocasión, tamén, de presentalos persoalmente. Non será a única que se celebre, senón que durante o vindeiro semestre, se prevén novas convocatorias para darlle resposta a todas as iniciativas que depositaron a súa confianza no apoio do Fondo para o seu lanzamento.