Skip to main content
Lugo

As oficinas do Concello de Lugo melloran a accesibilidade para persoas con perda auditiva

Por 15 Xullo, 2022Xullo 18th, 2022Sin comentarios

O edificio administrativo do Seminario dispón xa dun novo sistema intelixente Smart que mellorará a accesibilidade das persoas xordas e con perda auditiva.

Trátase dun mecanismo – que durante os próximos días se manterá en período de probas – baseado na intelixencia artificial mediante o recoñecemento de sons que foi implantado na planta baixa e no segundo andar do inmoble onde se sitúan os departamentos con servizo de atención ao público.

O proxecto, enmarcado na estratexia Dusi Muramiñae e impulsado dende área de Benestar, supuxo a colocación de dous dispositivos que recollerán as alertas sonoras -como por exemplo, alarmas de incendio, saltos de quenda, timbres, etc – e as amosarán en forma de notificacións visuais e sensoriais a través das luces interiores, así como nos terminais smart das persoas usuarias (smartphones, tablets, smartwatch…) mediante a app Visualfy, de descarga gratuíta.

Para trasladar estes avisos dunha forma gráfica foron instaladas catro lámpadas de sinalética, distribuídas en corredores e salas de espera, que funcionan como luces de emerxencia nas que se sucedrán as indicacións, acompañada cada unha delas dun cartel informativo coas lendas, o código de cores dos avisos e as indicacións para as persoas usuarias sobre como subscribirse.

O Executivo de Lara Méndez pretende así avanzar nunha cidade de referencia en materia de integración, “continuando co traballo que xa desenvolvemos para eliminar barreiras físicas e suprimindo tamén as sensoriais que resultan un impedimento para o completo desenvolvemento autónomo das persoas con diversidade funcional”, sinalou Olga López Racamonde.

A concelleira de Benestar explicou que, especialmente, se tivo en conta garantir a accesibilidade nos baños que, neste sentido, adoitan ser puntos cegos. “Para iso, estes espazos, 6 en total, foron dotados dun plafón cunha lámpada wifi E-27, que pasarán desapercibidas pero, en caso de emerxencia ou necesidade de notificación, iluminaranse da cor determinada ao efecto”.

López Racamonde indicou, así mesmo, que, en caso de incendio, por exemplo, as lámpadas de sinalética acenderíanse en vermello e serán visibles desde calquera parte da construción mesmo sen internet ou sen electricidade, primando a seguridade en todo momento.

A edil deu conta, alén, de que dende o panel de control do sistema, o persoal designado como xestor do edificio – que xa recibiu a formación correspondente – poderá crear mensaxes personalizadas que comunicará a través das luces, as lámpadas de sinalética e as alertas que recibirán aquelas persoas que dispoñan da app de Visualfy.

“Cómpre subliñar que esta solución de accesibilidade, ao estar baseada en intelixencia artificial e IoT (Internet of Things), permitirá a súa actualización continua, flexibilidade e escalabilidade, non só para aquelas persoas con perda auditiva, senón que incrementará a seguridade e saúde de todos os traballadores e traballadoras, creando unha contorna laboral libre de ruídos innecesarios”, subliñou Olga López.

O proxecto enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea a través do FEDER, que ten entre os seus obxectivos mellorar o uso e a calidade das TIC e o acceso ás mesmas. Dentro deste obxectivo, o Goberno de Lara Méndez está a traballar na eficiencia da administración electrónica e no desenvolvemento da cidade como Smart City.