Skip to main content
Lugo

A escola infantil Gregorio Sanz de Lugo supera os 30 graos nas aulas

Por 15 Xullo, 2022Sin comentarios

A escola infantil municipal Gregorio Sanz de Lugo está a sufrir a presente onda de calor dunha forma moi acusada. ASí o denunciou este mediodía Comisións Obreiras (CCOO) quen asegura que o edificio acumula a calor das altas temperaturas destes días e os termómetros das aulas rozan os 30 graos nalgunha zona da escola mesmo 32.

Para paliar esta situación, segudno explica o sindicato, o persoal ten que tomar as medidas básicas de autoprotección é desposuír aos menores das súas roupas, especialmente aos bebés, e todos eles dificilmente poden descansar, comer ou xogar, con un mínimo de normalidade.

As traballadoras da escola puxeron en coñecemento da Directora e da Concellería de Educación esta situación á que se enfrontan “sen obter máis solución que a de tentar, no mes de agosto, a instalación dalgún sistema de ventilación e ao mesmo tempo que xere calor no inverno xa que a calefacción tampouco funciona correctamente nesta estación e provoca temperaturas moi baixas nalgunha aula”.

CCOO lembra que o Real Decreto 486/1997 establece que “a temperatura dos locais onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas ou similares estará comprendida entre 17 e 27 ºC., mentres que a temperatura dos locais onde se realicen traballos lixeiros será de entre 14 e 25 ºC.”, neste caso, segundo denuncia CCOO, estase a incumprir “sen que os responsables políticos mostren o máis mínimo interese ou preocupación”.

Este sindicato esixe que se deixe de poñer en risco a saúde dos nenos escolarizados, así como das traballadoras do centro. “Xa no ano 2017 un grupo de titores de usuarios puxeron unha queixa ante a Xunta de Galicia e corroborouse, pola súa banda, o exceso de temperatura dando instrucións ao Concello para enmendar esta situación”, lembran dende o colectivo sindical.

“A solución dada foi ventilar o edificio. Sen máis. Unha vez máis, se segue sen solucionar un problema nin a curto nin a longo prazo. A única resposta é desabrigar e ventilar. O persoal do centro segue esperando algunha medida para resolver este problema de control de temperaturas do edificio, xa que é unha parte moi importante no benestar de menores e un dereito da protección da saúde do persoal municipal que debe exercer o seu labor cunha temperatura moi elevada”, conta CCOO.

Dende o sindicato intentaron pórse en contacto co BNG, partido responsable desta área de Goberno, “co fin de atopar unha solución urxente a este problema, sen que ata o momento se dignaran a devolver as chamadas”.

CCOO denuncia a actitude do equipo de Goberno “que, por unha banda, di defender os dereitos da cidadanía, e pola outra ten abandonados a neniños, e ás propias traballadoras”.

SOLUCIÓN INMEDIATA

Neste mesmo senso, falaba esta mañá o Partido Popular quen esixiu unha solución inmediata para “garantir o confort térmico na escola infantil Gregorio Sanz na que, ao longo desta semana, estiveron a máis de 30 graos”. Dende o Grupo Popular explican que o máis grave desta situación é que o Goberno Local  tiña coñecemento de que había problemas de climatización nestas dependencias municipais dende o ano 2017.

Para o PP, “aínda sendo conscientes de que vivimos unha vaga de calor”, consideran que non é de recibo que “cos antecedentes que hai nesta escola o Goberno local non tomase medidas, nos últimos cinco anos, para solucionar esta problemática”. “Non se pode ter a meniños e traballadores con estas temperaturas xa que poderían correr risco de  deshidratación ou golpes de calor”, puntualizan.