Skip to main content
Lugo

Allen Enock Abeid presenta no Vello Cárcere unha mostra de arte Tinga Tinga

Por 15 Xullo, 2022Xuño 21st, 2023Sin comentarios

O tenente alcalde, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Educación, Felipe Rivas, visitaron o Vello Cárcere xunto co artista tanzano Allen Enock Abeid, que expón nas celas de homes unha mostra de arte Tinga Tinga. A mostra poderase ver no centro cultural lucense ata o 30 de setembro.

O Tinga Tinga é un xénero pictórico creado no leste de África a principios do século XX. Pode considerarse un estilo naïve e caricaturesco, “arte que fai sorrir”, “arte mantra”, etc. De calquera maneira, difícil de catalogar baixo os estándares occidentais, pero podería encadrarse próximo ao estilo surrealista e a representación ­figurativa.

Foi creado inicialmente para a representación do imaxinario do pobo africano: a fauna e flora africanas, as rutinas tradicionais da tribo masai, pero tamén baixo a infuencia da importante demanda turística na zona. Emprega, na maioría dos casos, pintura acrílica de cores moi saturados, e cun acabado brillante ou “glossy”. O trazo realízase cunha liña nítida e firme e predomina a liña curva.

Allen Enock Abeid é un artista novo nado no ano 1989 nunha localidade rural de Tanzania. Exerce como guía local nunha das plantacións de café nas que se atopa o salto de auga de Materuni. Acaba de participar na National Cup of Germany of Social Entrepreneurs (Trofeo nacional de Alemaña de emprendedores no eido social) baixo a asociación de comercio xusto “Asante.sanaa” que procura dar voz e comercializar no mercado europeo a artistas tanzanos.

Actualmente atópase empadroado en Lugo e continúa a desenvolver o seu labor artístico.