Skip to main content
Lugo

Ábrese o prazo de solicitude para as residencias xuvenís da Xunta

Por 18 Xullo, 2022Sin comentarios

A Xunta abre durante un mes o prazo para solicitar as bolsas e as 221 prazas ofertadas en residencias xuvenís dependentes da Consellería de Política Social e Xuventude para o curso 2022/2023, das que 15 corresponden ás persoas bolseiras que non pagan a taxa. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o pasado venres a orde dirixida a persoas mozas de 16 a 30 anos de idade que por razóns de estudo ou traballo se vexan obrigadas a permanecer fóra do concello onde teñen a súa residencia habitual.

Todas as solicitudes deberán cursarse exclusivamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. As prazas serán en réxime de internado, o que inclúe aloxamento e mantenza, por un máximo de 11 meses dentro do calendario académico, agás os períodos de vacacións de Nadal e Semana Santa.

No que atinxe á distribución da oferta, 85 prazas correspóndense coa Residencia Altamar de Vigo, 76 co centro residencial lucense `LUG´ e 60 coa Residencia xuvenil Florentino López Cuevillas de Ourense. A convocatoria contempla a reserva dun 9% das prazas en cada unha destas instalacións para as mozas que sufran violencia de xénero e para mozas e mozos cuxas proxenitoras a sufrisen.

Na valoración das solicitudes teranse en conta aspectos como: a antigüidade na residencia; a renda da unidade familiar; a situación de familia numerosa ou monoparental; as condicións de orfandade e discapacidade; a residencia, segundo sexa dentro ou fóra de Galicia; outras circunstancias sociofamiliares e, no caso de solicitantes mulleres, estar embarazadas e/ou ser vítimas de violencia de xénero.