Skip to main content
Lugo

Alberto Rojo Alboreca, novo presidente de FSC España

Por 19 Xullo, 2022Sin comentarios

O profesor da área de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo Alberto Rojo Alboreca ocupará a presidencia da delegación española de FSC (acrónimo en inglés de Forest Stewardship Council ou Consello de Xestión Forestal) ata finais de 2023. O tamén enxeñeiro de Montes e investigador do grupo Unidade de Xestión Ambiental e Forestal Sostible (UXAFORES) da USC resultou elixido para o cargo na última asemblea anual de socios da delegación española desta organización mundial, na que tamén foron elixidos para a súa xunta directiva Begoña Abellanas Oar, do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Montes e da Universidade de Córdoba; e José Joaquín Suárez Tejeiro, directivo e representante da Asociación de Dehesas Ecolóxicas (Adeheco).

“Ser presidente de FSC España supón a culminación da miña relación con esta asociación, coa que colaboro desde a súa creación hai preto de 25 anos debido ao meu compromiso persoal coa sustentabilidade e, nomeadamente, coa xestión forestal responsable”, sinala Rojo Alboreca, ao tempo que afirma que asume este novo cometido con “gran honor e enorme responsabilidade”.

O labor que desenvolve Alberto Rojo Alboreca desde hai tres décadas como docente universitario que imparte materias relacionadas coa ordenación de montes, a certificación forestal ou, entre outras, a xestión de espazos naturais protexidos, constitúe outros dos acicates que levou a este docente a asumir a presidencia de FSC España. “Creo asemade que é unha responsabilidade obrigada dos docentes coñecer, involucrarse e estar na vangarda dos temas que ensinamos, á vez que debemos servir de referencia tanto para o alumnado como para a sociedade no seu conxunto”, comenta o investigador do grupo UXAFORES da USC.

O presidente electo de FSC España, unha asociación que conta con máis de 100 socios individuais e corporativos, lembra que o lema desta organización internacional é ‘Bosques para todos para sempre’, e que o seu cometido fundamental pasa por promover unha xestión forestal ambientalmente apropiada, socialmente proveitosa e viable no plano económico.

Para cumprir este ambicioso obxectivo, FSC desenvolveu fai preto de tes décadas o primeiro sistema de certificación forestal a escala mundial, dixo Rojo Alboreca, quen tamén avanzou que as premisas que guiarán o traballo da nova xunta directiva de FSC España tratarán de manter o crecemento sostible dos datos de certificación forestal e de mellorar o nivel e as vías de financiamento da entidade, ademais de atender outros mandatos xurdidos da asemblea anual e derivados dos compromisos con FSC Internacional.

O nomeamento do profesor Alberto Rojo Alboreca como presidente de FSC España podería entendese tamén como un recoñecemento ao profesorado da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra da USC, así como á calidade das titulacións que nel se imparten.