Skip to main content
Lugo

Centos de persoas concéntranse contra os lumes

Por 20 Xullo, 2022Sin comentarios

Ás 20 da tarde de onte, varios centos de persoas e colectivos sociais se congregaron ante o edificio de administración da Xunta para amosar a súa solidariedade coa poboación afectada pola actual vaga de incendios e en defensa da protección efectiva dos espazos naturais protexidos que arestora se están a consumir baixo as lapas de lume. Nas voces de varias representantes de Adega, amosouse o total apoio á veciñanza evacuada e a aquela outra que permanece nas aldeas para tratar de facerlle fronte ao lume, así como ao colectivo de profesionais de prevención e extinción que traballan nas áreas afectadas.

A concentración tivo tamén como obxectivo visibilizar a dimensión ecolóxica desta catástrofe que se asemella a un “Prestige interior” que arrasa gran parte das serras orientais galegas, e varias das xoias naturais máis emblemáticas e xenuínas do país, o Courel, o Parque Natural do Invernadoiro, o Parque Natural da Enciña da Lastra e o Macizo Central, así como boa parte de Valdeorras, Oímbra e Palas.

ADEGA completou a exposición das súas reivindicacións coa lectura do manifesto “Lumes Nunca Máis!”, no que se destaca a afección sobre a biodiversidade, xa que desaparecerán aves ameazadas, como bufos reais, tartarañas cincentas e gatafornelas, así como flora autóctona (sobreiras, cerquiños, aciñeiras e érbedos monumentais).

O Tenente Alcalde, Rubén Arroxo tamén asistiu á concentración en apoio á veciñanza do Courel xunto co parlamentario Xosé Luís Rivas “Mini”. O deputado nacionalista trasladou toda a solidariedade ás persoas afectadas, e mostrou o agradecemento do BNG ás persoas que traballan na extinción de lumes, facendo un labor durísimo as veces con consecuencias dramáticas.

“É importante que as veciñas e veciños afectados polo lume se vexan acompañadas polo conxunto das administracións, que deben prestar todo o apoio e colaboración para que recuperen as súas vivendas e que, máis alá da circunstancia de que teñan ou non seguro, conten co acompañamento e as axudas necesarias para que canto antes poidan recuperar as súas casas e restablecer as súas vidas”, explicou o parlamentario.

O BNG puxo o foco na falta de medios de tal xeito que, en pleno 18 de xullo, hai brigadas antiincendios incompletas, -coa metade de efectivos dos que marca a normativa PLADIGA-, que aínda non se constituíran a maioría das brigadas municipais ou falten convenios cos concellos para dotalos de recursos básicos como a motobomba. Igualmente, denuncia que non haxa unha planificación dos puntos de carga para os hidroavións, “fallos que non se pode permitir un goberno”, afirmou Mini Rivas.

“Temos un Goberno do PP que continúa sen ordenar o territorio, sen limpar o monte, sen investimentos suficientes en prevención e cando chega o verán, -cada vez máis secos- repítese a vaga de lumes”, destacou o deputado do BNG.

O 90% do territorio é rural pero unha gran parte abandonado, só un 3,9% da superficie agraria se destina a producir alimentos de consumo humano, fronte ao 25,5% de media estatal. Por contra, un 20% con foresta maioritariamente con especies pirofóricas, “hai que equilibrar e reordenar o territorio, con políticas que poñan o País a producir e combatan o abandono e a despoboación do rural”, afirmou Rivas. O deputado do BNG tamén fixo fincapé en que esas medidas estruturais son máis urxentes e necesarias ca nunca cando estamos nun contexto de emerxencia climática.