Skip to main content
Lugo

A praia fluvial de Lugo paralizada ata novo aviso

Por 20 Xullo, 2022Sin comentarios

A nova localización da praia fluvial de Lugo persiste nos problemas de seguridade e de afectación a especies protexidas, polo que o Servizo de Patrimonio Natural da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda informou desfavorablemente a este novo emprazamento. Así se recolle no informe deste servizo que remitiu á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

O novo emprazamento, 40 metros augas arribas do primeiro lugar escollido e cara ao centro do río, causaría danos ás colonias e ao hábitat dos dous tipos de mexillón incluídos no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. De feito, o informe aclara que este enclave segue sendo unha área de alto valor ecolóxico para o mexillón de río. A este aspecto se suma o feito de que este tipo de piscinas flotantes poden ser problemáticas en augas con correntes abundantes, con variacións de calado, de caudais e de velocidade das augas, cuestións que tampouco neste enclave garanten a seguridade dos usuarios.

O informe insiste en que non se tiveron en conta as recomendacións de Patrimonio Natural de buscar para estas instalacións un lugar con alta profundidade, baixa velocidade da auga e pouca presenza de mexillóns de fondo, motivos polos que informan desfavorablemente ao novo emprazamento, aínda que ofrecen a súa colaboración para supervisar enclaves alternativos co obxectivo de axilizar o proxecto.

A Xunta de Galicia négalle aos e ás lucenses o dereito a gozar dunha zona de baño pública no Miño”. Con esa rotundidade se expresaba hoxe o tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández ao respecto do informe desfavorable sobre o cambio, non substancial, de ubicación da estrutura flotante, uns 40 metros augas arriba.

A resolución é clarísima. Pretende coartar non só neste 2022, senón, de súbito, os 25 anos de concesión que temos autorizados, tratando de deslexitimar o permiso que se nos outorgou, negándonos a posibilidade de avaliar, cada exercicio, cal é a situación do río para determinar se, cada verán – pero un a un – resulta procedente ou non colocar as piscinas”, afirmou o portavoz.

Dicotomías que o concelleiro exemplificou tamén co falso ofrecemento a colaborar para buscar outro emprazamento cando no punto 9 do documento que a Xunta vén de presentar, descarta directamente o sistema de plataformas por consideralas ‘problemáticas nun sistema de augas correntes – como é o Miño – suxeitas a variacións de calado, caudais e velocidades de corrente’. Un cambio de localización que obrigaría, por outra parte, a empezar de cero toda a tramitación para crear a praia fluvial, desbotando todo o traballo feito pola Administración local nos últimos anos e que xa contaba co aval dos organismos correspondentes.

O tenente de alcaldesa explicou que a Administración local foi a única que acometeu a prospección tanto da localización inicial como da proposta posteriormente e contrapuxo cos datos obtidos as dúbidas infundadas que trata de sementar a Consellería de Medio Ambiente. Deste xeito, o estudo técnico independente realizado por Topysa (empresa contratada pola adxudicataria da instalación da zona de baño pública) levou a cabo, na ubicación inicial da plataforma, unha análise dunha superficie total de 2.364 m2, dividida en 8 puntos de mostraxe, nos que contabilizou un total de 96 exemplares de mexillón. E, a continuación, avaliouse xa tamén a zona a onde propuxemos trasladar a estrutura, quedando constatado que nela se aloxaba un baixo número de exemplares e resultando axeitado, por ese mesmo motivo, o seu desprazamento cara ese lugar.

Fernández sinalou que entre os ‘suscita dúbidas, estimadas, extrapolando, potencialmente afectados, son moi posibles, posible apoio, poden diferir, poden ser problemáticas’ nos que se amparan os argumentos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, inclúese que non queda garantida a estabilidade das instalacións en caso de crecidas ou baixadas de nivel das augas, porén o Concello si trasladou o informe da empresa que constrúe a estrutura e no que se demostra e mesmo exemplifica esta estabilidade.

Pola súa parte o PP tamén se pronunciou con respecto o informe emitido pola Xunta e para o viceportavoz popular o informe desfavorable  “era algo visto” xa que “as súas conclusións repítense dende hai 12 anos co que o bipartito non pode facerse agora a vítima cando a administración autonómica ofreceu en todo momento a súa colaboración”.

Para Ameijide está claro que “se quedamos outra verán sen praia é única e exclusivamente pola incompetencia do bipartito que goberna en Lugo”. “Os bandazos na localización, os erros, a falta de definición do proxecto que queren e o seu desinterese déixanos sen esta dotación tan demandada” recalcando que “esperemos que non nos veñan agora con que se lles está facendo un boicot, cada un que asuma as súas responsabilidades”.

Outra cuestión que preocupa e moito ao Partido Popular é o malgasto de fondos públicos pola mala xestión do bipartito. De entrada, Ameijide pide explicacións do que vai pasar coa subvención de 303.319,94€ que achega a Deputación e pregúntase “se haberá que devolvela”. O viceportavoz indicou que “pagaremos por dúas praias e teremos cero” en alusión, por unha banda, dos fondos da Deputación que están en risco e, por outra banda o diñeiro que hai que pagar polos módulos xa subministrado ao provedor”. Os populares lembran que o prazo de garantía destas estruturas flotantes xa está a correr (5 anos desde a recepción) e que haberá que buscarlles un lugar de provisión.

O PP insiste en que, unha vez máis, os únicos prexudicados por este desgoberno son os lucenses “primeiro porque non poderán ter praia municipal no Miño outro verán máis e, en segundo lugar, porque ven como se malgastan o diñeiro público nunha dotación que nunca chega”.