Skip to main content
Lugo

O Concello e CONFEMAC celebran o Día Mundial dos Avós e Avoas

Por 25 Xullo, 2022Sin comentarios

Con motivo do Día Mundial dos Avós e Avoas, que se celebra o 26 de xullo, o Goberno de Lara Méndez, a través da Concellería de Benestar Social, que dirixe Olga López Racamonde, realiza unha campaña para pór de manifesto que ser avó ou avoa non significa ser maior, senón ter netos/as.

Para elo, o Concello sumouse á iniciativa que lanzou a Confederación Estatal de Maiores Activos (CONFEMAC) coa que se quere erradicar o edadismo, unha forma moi sutil de etiquetar ás persoas maiores sen coñecer a súa situación nin entender a súa diversidade.

Olga López afirmou que este día serve para reivindicar separar a imaxe da palabra avó/a como sinónimo de persoa maior e para advertir que exercer de avóa ou avoa é un dereito e non unha obriga, ao igual que non se elixe ser avó ou avoa, xa que é unha decisión libre dos fillos e fillas.  Outro dos obxectivos de conmemorar esta data é recoñecer o rol dos avós e avoas como axentes socializadores dos netos/as, fomentar a riqueza do intercambio xeracional para o benestar mutuo.

Entre as accións que levará a cabo a Concellería inclúese a instalación de 3 pares de cubos expositivos en distintos puntos da cidade, así como a difusión de material nos distintos centros de convivencia municipais e nas redes sociais.

Esta é a cuarta de oito campañas, que no marco do lema Persoas maiores, cos mesmos dereitos, puxo en marcha CONFEMAC, xunto a municipios de todo o territorio nacional, ata finais de ano.