Skip to main content
Axenda CaducadaLugo

Proxección da curtametraxe Lilith mañá no Vello Cárcere

Por 27 Xullo, 2022Xullo 28th, 2022Sin comentarios

Lilith é unha antoloxía de relatos que abordan dende unha perspectiva poética as dificultades, intolerancia e a discriminación que sofren as mulleres con discapacidade intelectual.

A Concellería de Muller e Igualdade, que dirixe Silvia Alonso, xunto a federación Fademga Plena Inclusión Galicia, achega a Lugo a realidade das mulleres con discapacidade intelectual. Será a través da curtametraxe LILITH, dirixida por Rafael de Ramón Herrera, unha antoloxía de relatos que abordan dende unha perspectiva poética as dificultades, intolerancia e a discriminación que sofren estas mulleres no seu día a día.

A proxección terá lugar no auditorio do Vello Cárcere, mañá xoves 28 de xullo, a partir das 19.00 horas. A entrada é libre, ata completar aforo. Posteriormente terá lugar un coloquio no que estarán presentes algunha das actrices que protagonizaron a curtametraxe, así como o dinamizador cultural e as representantes da área de muller de Fademga. A Concelleira de Muller e Igualdade, Silvia Alonso, e o presidente da entidade, Eladio Fernández, serán os encargados de presentar o acto de proxección.

Silvia Alonso, quen convidou á veciñanza a participar nesta actividade, na que se contarán 9 historias de mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento; fixo fincapé na importancia de celebrar e apoiar este tipo de iniciativas, “necesarias para conseguir unha sociedade integradora e igualitaria. Cómpre visibilizar que a muller con discapacidade sofre unha dobre discriminación”.

A Concelleira tivo palabras de recoñecemento para María José Botana López, María Nieves Iglesias Noya, Ángeles Tejero Fernández, Carmen Gómez Astariz, Helena Cuber Fernández, Laura Manzano Barreiro, Raquel Hernández Noya, Laura Faro Chamadoria e Verónica González López, as actrices desta proxección onde, segundo algunha das protagonistas, reclaman, sen palabras e só con xestos e a súa actuación, unha vida propia, libre e sen dependencias.

Centrada no implícito por enriba do explícito, a curta Lilith, que se estreou o pasado outono, trata temas como a maternidade, a culpa, a infantilización a sexualidade ou o decoñecemento social que hai cara a discapacidade intelectual e sobre as dificultades que teñen que superar nas súas vidas cotiás as persoas ou discapacidade.

FADEMGA

FADEMGA Plena inclusión Galicia é a Federación galega de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Na actualidade conta con 40 entidades galegas federadas que prestan servizo a 6.384 persoas con discapacidade intelectual.

Ofrece unha serie de servizos e apoios ás entidades federadas a través das diferentes áreas que integran a Federación: apoio administrativo, social, para o emprego, para as familias e formación, entre outro, todo elo co obxectivo de mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e das súas familias. Con 7.982 socios/as, as entidades de FADEMGA están formadas por unha rede de 116 centros ubicados polas catro provincias galegas nos que traballan un total de 1.389 profesionais e contan co apoio de 1.231 voluntarios.

O executivo de Lara Méndez colabora co labor diario desta federación a través da Concellería de Benestar Social cunha achega económica de 2.000 euros destinados a apoiar o Servizo de información e orientación laboral e o Servizo de apoio para o emprego en Lugo para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Ademais, o colectivo conta cun local nas instalacións municipais da Casa das Asociacións Clara Campoamor.