Skip to main content
Lugo

Aberto ata o 29 de xullo o prazo de matrícula no IV Ciclo da USC

Por 27 Xullo, 2022Sin comentarios

O IV Ciclo Universitario mantén aberto ata o venres 29 de xullo o seu prazo de matrícula para todas as persoas interesadas en tomar parte neste programa de formación específico para alumnos e alumnas maiores de 50 anos, con independencia do seu nivel educativo previo, que xa poden formalizar a matrícula en liña a través da secretaría virtual da USC.

As persoas que prefiran realizar o proceso de inscrición xeito presencial, deberán dirixirse á Unidade de Xestión Académica da USC, cuxas oficinas están localizadas no Pavillón Estudantil do Campus Vida, en Santiago, e no Edificio Intercentros do Campus de Lugo. Para formalizar a matrícula de xeito presencial é imprescindible solicitar cita previa a través deste formulario xa habilitado na web da USC. Para calquera dúbida, tamén se pode solicitar máis información referida ao programa do IV Ciclo da USC a través do número de teléfono 881 81 45 88 ou no enderezo electrónico ivciclo@usc.es .

Integración e participación

O IV Ciclo é un programa a través do que a USC pretende posibilitar que as persoas maiores compartan procesos formativos e de extensión cultural, con criterios interdisciplinares, a fin de favorecer así a súa integración e a participación de todo o mundo atendendo ás necesidades de formación permanente das persoas maiores. O IV Ciclo constitúe pois un programa educativo regrado en conexión cos programas educativos dos outros ciclos que se imparten na USC, e ofrece dous títulos propios: o Diploma Sénior de IV Ciclo e o Diploma Excelsior de IV Ciclo.

A oferta de materias que poderán cursar as persoas que formalicen a súa matrícula en estudos de IV Ciclo da USC está xa accesible na web , onde tamén se pode atopar información relativa a taxas, bolsas, planos de estudos… A actividade docente, que está estruturada en dous cuadrimestres, comezará ao longo do mes de outubro de 2022 e rematará a finais de maio de 2023.