Skip to main content
Lugo

O PP xa ten candidata para a Alcalcía de Lugo

Por 30 Xullo, 2022Sin comentarios

O PP de Lugo propón como candidata á alcaldía do Concello de Lugo a Elena Candia. A xunta directiva local apoiou por unanimidade a proposta que fixo o presidente local, Ramón Carballo, designando como alcaldable ás vindeiras eleccións municipais á presidenta provincial dos populares de Lugo.

Carballo dálle o relevo a Candia, para que sexa a cara visible do cartel electoral nos vindeiros comicios destacando que “é a persoa idónea para liderar a candidatura que goberne Lugo nos próximos catro anos” resaltando que “é una muller moi traballadora, resolutiva, boa xestora, honesta e directa no trato, que sabe como conectar coa cidadanía”. “Con Elena de alcaldesa Lugo sairá do bucle dos proxectos fracasados, inacabados e sen sentido do bigoberno” resumiu.

Na reunión da xunta directiva, celebrada onte na sede do PP de Lugo, estivo presente o líder dos populares galegos, Alfonso Rueda. O presidente local fixo un repaso do perfil da alcaldable popular: “Foi concelleira na oposición, logrou a alcaldía de Mondoñedo, foi presidenta
da Deputación e deputada autonómica, viceportavoz e agora vicepresidenta da Mesa do Parlamento. Todas estas responsabilidades son sinónimo de experiencia e coñecemento da realidade municipal e da política en xeral”.

O Presidente da xunta local tamén trasladou aos membros da xunta local a súa intención de “sumar dende o primeiro momento e ata o último minuto para conseguir a maioría suficiente para alcanzar a alcaldía” do Concello de Lugo”. Nese senso explicou que “chegou o momento de dar un paso ao lado, pero isto non significa que rebaixe o meu nivel de compromiso co Partido Popular”.

Carballo tamén destacou o traballo do Grupo Municipal “a xenerosidade que demostran e o traballo do equipo no día a día tanto na fiscalización como nas accións de política útil” aclarando que “hai un desgaste do bigoberno e un cansazo da cidadanía que se debe traducir en votos para o Partido Popular”. Carballo explicou que “unha das grandes bazas que temos é a unión e a coordinación que temos en todos os ámbitos no Partido Popular”. “As perspectivas son boas, temos a oportunidade, despois de gañar nas tres últimas eleccións locais, de conseguir unha maioría suficiente para gobernar na cidade de Lugo con Candia como alcaldesa”.