Skip to main content
Lugo

Continúa o plan de renovación da sinalización horizontal en Lugo

Por 31 Xullo, 2022Agosto 1st, 2022Sin comentarios

O tenente alcalde e responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, lembrou que a Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo continúa a traballar na renovación da sinalización horizontal da zona urbana. Arroxo explicou que “desde o 2019 investimos máis dun millón de euros na renovación das marcas viais de toda a cidade, un investimento que permitiu actuar en máis de 260 rúas de todas as zonas de Lugo”. Nestes días, os traballos están a executarse na contorna do Centro de Saúde de Fingoi.

Toda a sinalización horizontal que se está a pintar está adaptada aos cambios realizados na ordenanza de circulación, destinados a evitar resbalóns aos peóns e aos vehículos de dúas rodas. Nos pasos de peóns regulados por semáforo só se pintan os límites, deixando a zona interior descuberta para evitar resbalóns. No caso dos pasos non regulados por semáforo, déixase unha das liñas sen pintar para evitar tamén resbalóns de motos e bicicletas. Nas prazas para persoas con mobilidade reducida agrándase o tamaño e píntase unha superficie menor.

Desde o Goberno de Lugo planifícase o pintado tratando de reducir ao máximo os cortes nas rúas e buscando sempre a mellor calidade no resultado final do traballo. “Malia que pode haber momentos puntuais nos que se poida producir algunha restrición na circulación, tratamos de facilitar ao máximo o acceso da veciñanza ás distintas zonas”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “seguiremos traballando para mellorar a calidade de vida e a seguridade da veciñanza de toda a cidade”.